O Arquivo Vidal, na exposición «Nós somos elas»
Carballo
Fotografía e poesía de 24 autoras integran esta mostra, inaugurada na Marina coruñesa
05 Aug 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Fotografías do Arquivo Vidal de Laxe con mulleres como protagonistas e poemas de 24 autoras integran a exposición Nós somos elas, que a área de Igualdade da Deputación e a asociación Alexandre Bóveda veñen de inaugurar na Marina da Coruña, onde poderá verse ata finais de agosto. A mostra quere poñer o foco nas mulleres e de aí esta selección de fotografías, todas elas de José María Vidal, parte da colección permanente do Museo do Mar de Laxe, municipio representado na posta de longo polo seu alcalde, José Luis Pérez Añón. «Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas», sinalou na apertura a deputada, María Muíño.
Pola súa parte, a presidenta da entidade Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, explicou a xénese do proxecto na idea de que «as imaxes dun arquivo tan extraordinario como o Vidal con case 70.000 fotografías que repasan a historia do século XX dialogasen coa palabra, cos poemas de autoras do noso tempo». A elección do espazo para a súa instalación, nunha das zonas máis visitadas na Coruña, trata de achegar este tesouro a unha maior cantidade de xente.
Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradàns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na exposición.