La Voz de Galicia

Misas galegas

Carballo

Santi Garrido

27 Nov 2020. Actualizado a las 05:00 h.

En 1969 Roma aprobou a liturxia en galego. No 1972, Manuel Espiña publicaba, moi destacado na Voz, os lugares coas misas en galego: 167 en 160 igrexas. Non moitas, porque en Galicia hai máis de 4.000, pero bo era. Xa houbera algunha illada anterior, como unha por Rosalía en Santiago no 65, e outra en Arxentina no 66. Esa publicación incluía igrexas de Madrid, Salamanca, Gijón, Bos Aires e Berna (desta última teño veciños que a coñeceron). En Galicia, Quiroga Palacios fixo moito pola normalización.

Os tempos mudaron, e o galego xa está relativamente implantado en moitas parroquias. A vantaxe é que Deus entende o idioma, aínda que lle meteran lusismos polo medio, en serio. Na nosa comarca non podo facer unha boa radiografía: non coñezo as 157 parroquias! Pero a base de ir vello e ter pasado por moitas xa teño visto de todo. Carballo para min é un excelente exemplo de adaptación a algo que, en xeral, custou moito cambiar. Xa sabemos que as cousas de curas fermentan amodo, aínda que sexan obrigas conciliares. Na miña voda, por exemplo, o párroco dixo toda a liturxia en castelán e nós respondemos a todo en galego. Ningún problema por ambas partes, cada un fala como quere. A el custáballe por falta de práctica, entendémolo perfectamente. Coa xente igual: en cidades onde todos falan castelán, facer os oficios en galego xa sei que choca. Pero aquí, onde o galego é maioritario, choca xusto o contrario. Ou que os curas vellos estivesen máis concienciados que algún novo, non digamos xa coa toponimia, dá que pensar. Se cadra algún dos africanos que chegaron aínda o vai facer mellor que algún de aquí.


Comentar