La Voz de Galicia

Influenciados

Carballo

Natalia Lema

14 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha viñeta que circula por Internet que me gusta moito. Vén dicindo que na nosa vellez teremos os peitos ergueitos e a pel libre de engurras pero non nos acordaremos do noso nome. En parte, a nosa xeración é a máis proclive. Cando eu era nena, naceu Facebook e xa na miña mocidade infiltrouse en nós, canda o Twitter, Instagram ou Tuenti. As redes sociais son a palestra onde se deciden eleccións e onde se coñecen as eivas da sociedade. Na maioría das veces a aporofobia, o racismo ou a homofobia, entre outros.

Inconscientemente, tampouco nos decatamos do impacto negativo que supoñen en nós os canons reflectidos nas imaxes que proxectan. Mulleres con curvas perfectas, grandes atributos, labios grosos e, por suposto, unha pel morena e uniforme. As redes non nos contan, nembargante, as horas de operacións e postoperatorios para lucir coma unha boneca, nin o photoshop que ás veces complementa o tándem perfecto. Non se equivoquen, as operacións non poden resolver un problema de autoestima, a insatisfacción propia continua ao ser unha distorsión da nosa propia persoa. Fíxense que hai un estudo que fala de que, nas reunións de Zoom, vemos unha percepción nosa que nos decepciona. Ocorre porque nos vemos en movemento, sen filtro e ante a ollada de moita xente.

Para que existan influencers, teñen que existir persoas influenciadas, frustradas moitas veces coa súa imaxe. Non son os tempos de meus avós, onde apenas tiñan un anaquiño de espello ao que mirarse tódolos días. A min, sinceramente, preocúpame máis perder os recordos a mans do alzhéimer ca ter un corpo terso, firme, sen manchas nin engurras. Deberíamos ver máis aló da pel que nos recobre. Aceptémonos e amémonos máis, por favor.


Comentar