La Voz de Galicia

Labarta Pose, agora máis preto dos baieses

Carballo

P. Blanco Carballo / La Voz

Inaugurada no paseo fluvial da localidade unha exposición sobre o ilustre xornalista e escritor

24 Jul 2021. Actualizado a las 22:53 h.

O 22 de xullo de 1863 nacía o escritor e xornalista baiés Enrique Labarta Pose, que finaría en Barcelona en 1925. Esta semana, pois, cumpriuse un novo aniversario da súa chegada ao mundo, contexto que Concello de Zas e Comisión Labarta Pose, co apoio da Deputación da Coruña, empregaron para inaugurar no paseo fluvial de Baio, este sábado, unha exposición sobre este persoeiro para o cal, dende hai xa máis de dous decenios, coa constitución desa comisión, se reivindica ante a Real Academia Galega (RAG) a concesión dun día das Letras Galegas. Jorge Mira, como voceiro desta entidade, abundou en que Labarta foi a principal figura literaria de Baio e das principais da Costa da Morte. Lembrou que, a finais do XIX e comezos do XX, era unha figura significativa do Posrexurdimento, dunha «popularidade enorme» entre a poboación galega, incluso máis ca outros referentes literarios, precisamente polo seu estilo chan e accesible. Baio, especificamente, pero tamén outros lugares da comarca e de máis alá (Cabana, a feira de Carballo, Baíñas ou Noia), foron epicentro do seu imaxinario, un espazo en torno ao que construíu, dixo Mira, «unha especie de fábula alegre».

Pese a todo isto, non todo o mundo, nin sequera todos os baieses, coñecen a importancia deste home, e para iso, en grande medida, esta mostra. Mira deu a coñecer que a RAG é coñecedora da sensibilidade da Costa da Morte coa súa figura: «Labarta Pose é a grande candidatura da Costa da Morte ás Letras Galegas». Non quixo esquecerse do traballo en torno a el de filólogos como Xosé Manuel Varela, grande estudoso de Labarta, Chema Rei Lema ou Cheíto. Esta exposición da man do consistorio vén a ser unha aposta pola divulgación de forma «gráfica e nutritiva». Mira gabou o traballo de Tania Carreira Rial, técnico do Concello de Zas, encargada de pescudas en fontes moi diversas e, sobre todo, da síntese precisa para elaborar estes paneis agora instalados. A idea é que sexan itinerantes e que poidan percorrer eses lugares que formaron parte do escenario vital e literario de Labarta. Incluído Pontevedra, cidade icónica para el, ou mesmo o Museo Casa da Troya de Santiago: Labarta foi un dos grandes expoñentes desta xeración e, de feito, Casimiro Barcala, personaxe central da obra de Lugín, está inspirado no baiés. Avanzou doutro lado que haberá máis actividades labartianas en vindeiras xornadas.

BASILIO BELLO

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, afirmou que, se algún día hai unhas Letras Galegas para Labarta, será «unha cuestión de xustiza», pois tenas merecidas. Trasladou os seus parabéns «por reivindicar á memoria» e tamén «por non perder forza» nesta petición de recoñecemento ante a RAG á que convidou a sumarse. «Un galego que exerce de galego, con moitas inquedanzas na súa obra e á hora de transmitir a cultura galega», dixo do baiés, abundando na súa actividade de dinamización e na singularidade daquela súa primeira fotografía nun xornal en papel. Jorge Lens, Milagros Bará, Sinda Cundíns ou Marisa Roel foron agradecidos polo alcalde zasense, Manuel Muíño, pola súa colaboración para as pescudas, así como diversas entidades. Labarta Pose, fixo fincapé, transcende Baio.

Un significativo espazo, ao pé da Carballeira e moi usado, para esta mostra

A escolla do paseo fluvial para a instalación desta exposición que achega a Labarta Pose aos baieses non é casual. Mira incidiu no elevado emprego deste espazo e en que, nese «lecer do pasear», se poderá agora gardar sitio tamén para coñecer «a este ilustro veciño». Está convencido de que moito do que se expón nos paneis sorprenderá.

BASILIO BELLO

Tamén o rexedor Manuel Muíño aludiu ao lugar escollido, ao pé da magna Carballeira, agora municipal. «Significa moito para nós como goberno municipal e para min como alcalde», dixo, pois é un símbolo de como entende o seu executivo a política cultural e a política en xeral: «Poñela ao servizo das persoas». Falou de nacionalismo, da importancia de abrir miradas, de non ser excluínte: así é como, dixo, entende el a política. Lembrou a Brañas, coetáneo de Labarta, e tamén aludiu a como este entendía a cultura, «como algo que nos achega e nos integra». Tal cal, indicou, a entenden igualmente no goberno local que preside. Quedan días por diante para esta nova exposición.


Comentar