La Voz de Galicia

Un aturuxo enxordecedor

Carballo

Natalia Lema

31 Jan 2022. Actualizado a las 15:24 h.

As redes sociais son mostras demoscópicas máis importantes do que a xente pensa. Lía nunha publicación que a unha usuaria de Facebook lle molestaban os agudos das Tanxugueiras. Explícalle entón outro comentarista que a tesitura feminina ten que impoñerse ao son das pandeiretas. Penso que ao xurado do Benidorm Fest lle molestaban as voces destas tres mozas. Potentes, descarnadas e ata intempestivas. Pouco habituais a oídos non aclimatados. Non eran as súas voces nin os seus aturuxos, era a historia repetida sempre. Molesta que o galego forneza tamén o país. Como imos expoñer ante Europa un problema ideolóxico nas mentes de tantos e tantas? Continuamos a pensar que esas «galleguiñas» son incapaces de representar unha patria porque, para moitos, España só é Madrid. Por iso, a voz aguda destas tres mozas molesta e, non obstante, encántame que eleven o ton como non puideron facer moitas mulleres galegas.

A min non me gustan as Tanxugueiras. Non escoitaba a súa música e non a escoito agora. Fuxo tamén da falsa hipocrisía. A pesares disto, son capaz de recoñecer a súa valía de maneira obxectiva. Coido que o xurado non tivo en conta a súa riqueza lingüística, a oportunidade de conxugar a identidade dos pobos como fan moitos países, con folk e vangarda. Volveu gañar unha canción sexista, extremadamente repetitiva e sen mensaxe. Non é nada malo, o xurado decidiu que proposta quería levar a Turín. A nova non me sorprende, somos incapaces de escoitar Sanxenxo nas canles de televisión como para sentirse unha nación representada a través da nosa cultura. Polo menos, se todos aprenderan a pronunciar a x en galego xa sería un gran paso para a normalización.


Comentar