La Voz de Galicia

De Batman a Joker

Carballo

Natalia Lema Otero

21 Mar 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Que fráxil é a memoria, que músculo intanxible tan voluble. Hai dous anos, cando a hecatombe da pandemia e a incerteza dos mundos se cinguía sobre o país, había heroes anónimos que recibían loanzas e aplausos. Sanitarios, gandeiros e agricultores que producían, transportistas que distribuían e repoñedores que continuaban enchendo estantes de supermercados mentres levábamos todo coma o tornado Hortensia, especialmente papel hixiénico. Debe ser que, se morremos, queremos cruzar o Río Aqueronte co cu limpo.

Direilles que eses Batman acabaron na decadencia. Os sanitarios encadean contratos con precariedade laboral. Os gandeiros e agricultores producen por debaixo do custe, tendo escaseza de cereal porque dende os anos setenta neste país déusenos por só pensar no millo e deixar de producir de maneira propia outros cereais coma o trigo. Dábanos para outro artigo falar de como a Política Agraria Común forneceu este feito. Para opinar dos transportistas, chega con botar man do telexornal, eses antisistema que bloquean as cidades son os que fixeron posible que o teu frigorífico tivese alimentos, que chegasen ás farmacias medicamentos e máscaras, que a cadea de abastecemento non se cortase hai vinte e catro meses. Que parece que foi hai moito e foi antonte. Descartar sentarse con eles e escoitalos é un erro, é un desprezo ao traballo incansable onde moitas veces non tiñan nin onde comer na corentena. O noso país non ten memoria, non nos pode estrañar que non a teña a longo prazo cando a curto padece un alzhéimer precoz. Están cansos, están fartos, son os grandes esquecidos, os marxinados. Mágoa que como nación se obvie que o poder reside no pobo.


Comentar