La Voz de Galicia

Eles serán os Bos e Xenerosos deste 2022

Carballo

PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

A Fundación Eduardo Pondal xa elixiu os galardoados para un ano especial, o do 40.º aniversario das Festiletras 

23 Apr 2022. Actualizado a las 00:50 h.

José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega; Ana Romero Masiá, arqueóloga; Jorge Mira Pérez, físico e catedrático da Universidade de Santiago; Viki Rivadulla Conde, artista, e José Manuel Casal Sobrino, fotoxornalista, serán este 2022 os merecedores dos premios Bos e Xenerosos outorgados pola Fundación Eduardo Pondal. Un ano especial, pois as Festiletras do Couto (Ponteceso), xa unha marca propia, acadan os 40 anos. Así, quíxose que os galardoados desta volta tivesen ese matiz de cercanía, de terra, de raíz. En todo os casos a relación coa Fundación Pondal vén de anos atrás: o que recoñece a entidade con estes premios non só é unha traxectoria persoal, que tamén, senón un traballo en prol da colectividade, da cultura, da lingua, do patrimonio... do país.

ANA GARCIA

Andrade Calvo é natural de Corcoesto (Cabana). A colaboración da Fundación Juana de Vega foi total dende o primeiro contacto, con xornadas como aquela de procura dun futuro económico para a aldea do Couto.

Basilio Bello

Natural de Santiago, pero con alma de Barizo, o traballo da historiadora e pioneira arqueóloga Ana Romero Masiá, marcou un antes e un despois para un «emblema» como é o castro A Cidá de Borneiro, onde se encargou das escavacións aló polos 80.

Jorge Mira Sandra Alonso

Do baiés Jorge Mira reseñan dende a Fundación o ser «toda unha referencia no seu campo», que en realidade son moitos, e con numerosos galardóns que así o acreditan. A súa faceta de divulgador científico teno levado a colaborar en numerosas ocasións.

Tamén a arte da muxiá Viki Rivadulla estivo tantas e tantas veces presente no Couto, reivindicación do mar, da muller do mar, da cultura mariñeira...

José Manuel Casal

O arquivo fotográfico da Costa da Morte, en xeral, e o das actividades de Monte Branco e Fundación Pondal, en particular, non tería sido o mesmo sen o ollo e a cámara de José Manuel Casal, durante decenios fotógrafo de La Voz de Carballo, hoxe xubilado. Un traballo silandeiro, humilde, que no Couto queren recoñecer neste 2022 especial.

A entrega, o 15 de maio, no marco de «O Dezasete»

As 40.ª Festiletras celebraranse do 1 ao 4 de setembro. Non obstante, á altura das Letras Galegas, levarase a cabo no Couto o programa O Dezasete, presentado xornadas atrás da man de Política Lingüística. É neste marco no que se entregarán os premios Bos e Xenerosos: domingo 15 de maio, ás 12.30 horas.


Comentar