La Voz de Galicia

Carta a Pazos de Merexo

Carballo

Xosé M. Varela

13 May 2022. Actualizado a las 13:43 h.

Benquerido Manuel:

Xa van aló máis de tres anos que non botamos unha parolada. Que che parece se aproveitamos a festiña que o Pepe Formoso armou no Bela Fisterra para prender de novo no fío da conversa?

Fago memoria da primeira vez que nos coñecemos na terra de meu bisavó, en Buño. Lembras cando lle poñías o broche de ouro á festa das cazolas co teu flamante e novo acordeón comprado en Valença do Minho? Un Mengascini con sabor a vira! Década dos noventa do século pasado. Camiño dos trinta anos. Xa choveu! Entre tanta pandeireta, grupo de gaitas e charanga chegabas ti co alento do acordeón merexán para darlle unha volta definitiva á festa. E dende aquela formas parte do fardel de amigos imprescindibles.

Andando o tempo encontrámonos nos palcos. Mesmo chegamos a formar un fugaz dúo tradicional. Ti co diatónico. Eu co tamboril. Boh! Non quería, pero xa estou falando de máis de min. O que desexo hoxe é falar de ti e das túas admirables cancións.

A primeira vez que che escoitei tocar o Valse de Merexo quedei namorado da túa música. Nas túas mans esta canción ten algo que prende na alma. E non é só o floreo que lle fas e que o resto de amadores do diatónico incapaces somos de imitar. O Valse de Merexo, a primeira canción que aprendiches nun acordeón arxentino que navegou augas do Atlántico e que te inmortalizou con letras de ouro na cultura do país!  Tamén me enchía o corazón a túa xota. Marabíllame a sonoridade que lle dás percorrendo cos teus dedos de músico labrego a botoeira de arriba a abaixo e volta outra vez.

Sempre me sorprendía verte tocar e cantar De Lourido a Xurarantes. Quen puidera coma ti partir a cabeciña en tres para levar ben atendidos melodía, baixos e canto! E vai e poste a cantar coa túa galana voz esta amena peza de marabilloso texto. Unha bendita primavera que embelece a nosa terra. Toda ela é camiño chan de rosas e caraveis postos pola túa man. De persoeiros populares que amosan con honra o froito do seu duro traballo. Tal coma Migueliño de Lira con raspeta e unha manchea de percebes.

Por se non fora abondo, vas e déixasnos para o futuro unha mazurca que arre demo a ver quen lle dá o xeito que ti lle dás. E como non, a túa leda muiñeira! Toda unha rica memoria musical da Costa da Morte, e do país, que nos deixaches en herdanza. Desde a casa da Forreira, en Merexo, sempre de portas abertas a quen quixo beber da túa fonte de augas milagreiras.

Benquerido mestre, cubre a cabeza co sombreiro de palla. Vai un sol do demo e ben sabes que a túa delicada pel mesmo cuartea cos febles raios deste mes de maio. Velaquí este batallón de feros corvos armados ata os dentes de foles e botóns dispostos a encetar esta marabillosa viaxe polas ondas do Mar de Merexo.

Un, dous, tres. Marque o ritmo, capitán.

Sempre teu,

Xosé Manuel Varela


Comentar