Adrián Varela: «Queremos poñer en valor o territorio a través da figura de Pondal»
Carballo
TURISMO A TODA COSTA | Ponteceso estrea ruta, «Ao pé do castro verde», cinco quilómetros de goce para todas as idades
10 May 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Literatura, sendeirismo, Idade de Ferro, ornitoloxía, etnoloxía ou medievo teñen cabida no roteiro Ao pé do castro verde, implementado en Ponteceso pola Fundación Eduardo Pondal. Adrián Varela (O Couto, Ponteceso, 1982), xunto con Xosé María Varela, é un dos ideólogos deste itinerario: «Hai xa anos, e empezamos coa ruta dos menhires, que queremos vertebrar os camiños dos que fala Pondal na súa obra, os do seu Val Nativo. A idea é facer unha posta en valor do territorio a través da figura do bardo, ao tempo que divulgar espazos descoñecidos ou esquecidos, tan ricos en ornitoloxía, fauna, etnografía... Así é neste caso, con lugares como a fervenza da Brixería. Ao tempo, tratamos de darlle protección ao castro de Cerezo, o castro verde de Pondal», conta Adrián. É un dos poucos xacementos tocados por unha pluma poética, e menos por unha así
Ao pé do castro verde son cinco quilómetros, con saída e retorno da sede da fundación, por un trazado cómodo para toda a familia, a facer en 45 minutos se o ritmo é medio-alto ou nunha hora se é máis calmado. Ten o itinerario sinais que orientan sobre o rumbo a seguir e tamén sobre os valores máis destacados da ruta.
Pondal é guía no sentido máis amplo da palabra: «Deixou un mapa terrestre incrible, de toda a provincia. El non fixo unha guía de turismo, pero si a fixo sen darse conta. O único que facemos nós é recollelo: cada vez que o releo atopo cousas novas. Non son de dicir que xa está todo inventado, pero si digo que é importante reler aos grandes para darnos conta de que nos estamos esquecendo de cousas. E iso é o que nós non queremos, esquecer nada. Nada inventamos, todo estaba, só queremos lembralo».
«Dende o día en que presentamos a ruta, veu xente facela pola súa conta. Eses camiños corríaos eu de neno, ou coa bici, e quixemos recuperalos para un turismo activo, adecuado a todas as idades. Houbo xente moi sorprendida do poder paisaxístico da zona. Sen darte conta pasas por cinco aldeas con singularidades, empezando pola de Cerezo, medieval. Este roteiro é a proba de que, se se quere, pódese, non é algo feito por unha institución, aínda que tivemos o apoio municipal para limpeza ou colocación dalgunha estaca», explica Varela. Matiza, iso si, que «non é máis ca unha primeira toma de contacto do que pode chegar a ser, e ademais unha ruta totalmente natural»: «Que o camiñante non agarde pasarelas, pontes...».
É aí onde reside o valor diferencial e o reto. «Para facela agora en primavera ou verán, é perfecta. Pero en Galicia temos cinco meses de bo tempo e neste caso atravésase un xungal ou prados que, con choiva, se asolagan. Procurando a atención de autoridades e Administracións, quereriamos, pois, facer algún tipo de intervención, natural, sen asfalto nin cemento, pero logrando que poida ser transitable todo o ano», traslada. Percorrer este camiño entre agras, carballeiras e devesas «en inverno sería brutal»: «A caída da Brixaría escóitase todo o percorrido, os prados son distintos porque mudan os cultivos...». No horizonte, tamén a posibilidade de incorporar códigos QR con xeolocalización e posibilidade de viaxar en liña a máis poemas ou a vídeos explicativos do lugar e do que se pode ver no entorno: «Por iso digo que o que temos agora mesmo é unha ruta 1.0, pero pode chegar a medrar en moitos sentidos». Na presentación en sociedade, foi percorrida polos alumnos do curso de monitorado ambiental, para que cada un deles dese parecer e suxerise melloras que vise precisas.
Isto, sen perder de referencia a esencia: «Moita xente que non coñecía a fervenza da Brixería queda alucinada. E moita outra non sabía que en Cerezo había ese castro, sen escavar, pero cunha historia amplísima, do que se ven as murallas...». Dalo a coñecer e poñelo en valor é a antesala da declaración BIC que pretenden, tramitación e memoria que xa iniciaron e proxecto ao que o Consello da Cultura Galega ofreceu o seu respaldo dende o primeiro intre.
«Para nós, este roteiro é o modelo a seguir, e vémolo perfecto para replicalo con toda a obra de Pondal. Podemos ir á campá de Anllóns, ao mar de Niñóns...», incide o tamén deseñador gráfico e responsable de comunicación da Fundación Pondal. Ve moitas oportunidades no itinerario impulsado: «Se vinculamos a ruta con outras ofertas culturais que temos aquí na aldea —O Couto é a aldea das aclamadas Festiletras—, faise deste proxecto algo moi bonito. Durante o festival, calquera pode escapar e percorrela, compleméntase. Non prendemos cansar á xente, senón deixala cun bo sabor de boca, rutas de cercanía, como eu lle chamo».