Homenaxe a 25 anos de servizo parroquial de Severino Suárez Blanco
Carballo
O vimiancés foi homenaxeado polas súas vodas de prata como sacerdote na parroquia de San Francisco Xavier, na Coruña
11 May 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Sentida homenaxe a que preto de duascentas persoas lle renderon a pasada fin de semana ao sacerdote vimiancés Severino Suárez Blanco (Carnio, Treos) polos seus 25 anos ao fronte da parroquia de San Francisco Xavier, na Coruña.
Tras unha concorrida misa, descubriuse unha placa conmemorativa na que os fregueses lle recoñecen ao vimiancés o seu «extraordinario labor pastoral». O restaurante A Peneira acolleu un xantar ao que acudiron familiares, colaboradores, fieis doutras parroquias e mesmo outros sacerdotes que quixeron amosar o seu apoio a Severino. A xornalista María Xesús Castro repasou nunha sentida laudatio a traxectoria do homenaxeado, que tras pasar por congregacións de O Grove, Sanxenxo ou Meaño foi parar a San Francisco Xavier en 1996, para despois asumir tamén a parroquia de Nosa Señora do Pilar. Deu clases de Relixión Católica e foi o artífice de destacadas melloras nas igrexas da súa xestión.
O coro parroquial, a Tuna de Veteranos e un grupo de cantareiras amenizaron a fin de festa, clausurada coa entrega de agasallos ao homenaxeado, que agradeceu o xesto e as atencións recibidas durante o día.