La Voz de Galicia

O Couto, «foco irradiador de virtudes», as dos Bos e Xenerosos

Carballo

PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

A entrega dos Premios Bos e Xenerosos, ¡en imaxes!

A Fundación Pondal de Ponteceso entregou este domingo os seus galardóns a Jorge Mira, Viki Rivadulla, José Manuel Casal, José Manuel Andrade e Ana Romero Masiá. Así falaron

16 May 2022. Actualizado a las 10:11 h.

Jorge Mira, Viki Rivadulla, José Manuel Casal, José Manuel Andrade e Ana Romero Masiá recolleron este domingo os seus premios Bos e Xenerosos outorgados pola Fundación Eduardo Pondal no Couto, en Ponteceso. «É moi importante que Galicia teña lugares coma este, onde se poden reunir persoas e institucións diferentes, para plantexar ideas de futuro», dixo Lois García Carballido, presidente da entidade, na súa benvida ao acto e ao ciclo O Dezasete, logo dos pertinentes agradecementos ás institucións colaboradoras. É un ano especial, o das 40.ª Festiletras, catro decenios recollidos nunha exposición fotográfica onte xa visible.

O baiés Jorge Mira, físico, catedrático, recibiu o seu premio da man de Irma Macías, voz de Luar na Lubre. Un galardón «singular», que lle chega dende unha «segunda casa», da que gabou o traballo, en particular, de Xosé María Varela, «capaz de aunar vontades para que esta aldea sexa o principal foco emisor de cultura de Galicia, un foco irradiador de virtudes». Incidiu, así, en como están a progresar as iniciativas científicas nun territorio inicialmente asociado ás letras.

Jorge Mira, galardoado, con Irma Macías ANA GARCIA

Á palabra «casa» aludiu tamén a muxiá Viki Rivadulla, nestes intres, por circunstancias, un albatros coma o de Baudelaire: «Premios coma o de hoxe danlle forza ás miñas ás, como a pintura, a arte, que é a miña táboa de salvación, a miña forma de estar no mundo, de dar aos demais». «Crear beleza no mundo no que vivimos é xa revolucionario, e eu escollo facelo dende o compromiso, coa terra, co feminismo, co mar, coa lingua. Amando e respectando o noso podemos amar o universal», engadiu para afirmar que agradece o galardón, «sobre todo, como muller». «O meu premio —recollido da man de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña— é para todas as mulleres, para elas, para as silenciadas, as esquecidas, para as que nunca levaron nin levarán un galardón, para as que dende a sombra fixeron e fan o mundo de luz que é a nosa cultura».

Viki Rivadulla, garladoda, con Xosé RegueiraANA GARCIA

Un mundo cambiante, como o que retratou o fotógrafo José Manuel Casal. «A vida ten casualidades»: foi no 1991 cando fixo a súa primeira foto para La Voz, na Festa das Fabas de Ponteceso. Dende entón, ata xuño do 2017, cando se xubilou, moitas máis. No Couto e na Costa da Morte, con traballos que marcan: ao pé do Prestige, ao pé de Man de Camelle, «primeira vítima do chapapote», ao pé do Monte Faro na procura da nena Eva... Soubo pasar do revelado manual ao móbil, do branco en negro á cor, das fotos que se enviaban en sobre físico á coruña, no Finisterre, a esas que se expanden ao mundo cun só clic. Moitos anos, «facendo o que máis me gustaba, facendo fotos». No arquivo deste xornal, dixo, estará sempre «a miña sala de exposicións». Xosé Luís Vilela, director de La Voz, entregoulle o seu recoñecemento.

José Manuel Casal, fotógrafo premiado, con Xosé Luís Vilela ANA GARCIA

«A cultura está na xente, no pobo, na rúa»

«A mellor homenaxe a Florencio Delgado é falar a lingua que el tanto quixo, levala a todos os actos», dixo Lois García, presidente da Fundación Pondal, na súa benvida. Patrimonio que as ancestras, continuaría Viki, gardaron coma un tesouro, para transmitilo contando, cantando, ensinando o nome dos peixes, dos oficios, ou como se seca o congro, «ao nordés, como debe ser»: «A cultura está na xente, no pobo, na rúa». Aludiu á «iniciativa social» o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, cuarto dos premiados. Falou de «poñer en valor as oportunidades a través da posta en valor dos recursos», dun traballo feito dende O Couto con «recursos modestos», pero «ideas grandes», labor que conseguiu poñer esta aldea no mapa, a Ponteceso, a todo Bergantiños: «Levarei este galardón con orgullo».

Á dereita, José Manuel Andrade, premiado, con Xosé María Varela ANA GARCIA

Emocionada, recibiuno de mans do presidente da Deputación, Valentín González, Ana Romero Masiá, a primeira muller en dirixir una campaña arqueolóxica, no castro A Cidá de Borneiro, patrimonio provincial. Foron moitos veráns, anos «de sacho». Namorara dun home de Barizo, con que descubriu e aprendeu a amar «este territorio» . Agradecéndolle tamén a el, a José Manuel Pose Mesura, «poeta intermitente», despediuse con algún dos seus versos: Eduardo Pondal segue vivo en Ponteceso...

Ana Romero, galardoada, con Valentín González Formoso ANA GARCIA

Se os gaiteiros de Xa Era Hora iniciaran a velada de onte, logo da ofrenda floral ao bardo, a vimiancesa Irma Macías deulle o remate. Na súa voz, o Himno.


Comentar