Zas impulsará a figura de Labarta con publicacións e novas accións de divulgación
Carballo
Na xornada de onte en Baio salientouse a dimensión literaria e creativa do autor, que non ten sido tratado con xustiza
30 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Enrique Labarta Pose (1863-1925) vaise facendo máis grande a medida que se van mergullando no estudo da súa obra e do seu labor literario. Así se puxo de manifesto na xornada de onte en Baio. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, comprometeuse na clausura do encontro á recompilación das creacións labartianas e á súa publicación e a continuar co labor de difusión dunha figura da literatura galega que non ten sido tratada con xustiza. «Eu mesmo, que nacín en Baio, estou sorprendido pola dimensión da figura de Labarta», dixo, ao tempo que indicou que debe ser situado no espazo que lle corresponde.
Na xornada, que foi guiada por Tania Carreira, Xosé María Rei Lema analizou varios poemas do autor soneirán nos que entre o lirismo e o humorismo amósanse aspectos como a súa preocupación social, a defensa das mulleres e do idioma galego e a crítica do maltrato animal. «O problema é que a xente non se toma en serio o humorismo de Labarta», apuntou a modo de resumo.
Escenario histórico
Xosé María Lema analizou o escenario histórico que lle tocou vivir ao escritor, dende o reinado de Isabel II á ditadura de Primo de Rivera, pasando pola Revolución de 1968, a I República e a Restauración. Apuntou sobre Baio que coincidiu o seu maior crecemento xusto coa vida do literato. Foron claves a construción da ponte baiesa (1852) e a estrada á Coruña. En 1898 rematouse a vía de Baio a Santa Comba-Santiago. O primeiro auto que houbo no pobo foi precisamente dun sobriño do escritor, Joaquín Álvarez Labarta. O caciquismo reinante, doutro lado, foi un dos temas presentes na obra do escritor.
Milagros Bará Viñas, cronista pontevedresa, apuntou: «Labarta é un dos personaxes máis fascinantes dos que teño escrito». Destacou a gran importancia que tivo en todos os eidos da vida de Pontevedra, onde viviu 11 anos. Alí escribiu narrativa, poesía, teatro, fixo fotografías e creou e dirixiu xornais e revistas. «Conectou de inmediato coa sociedade pontevedresa», engadiu. A súa intervención e o apropósito para o entroido de 1900 aínda son lembrados actualmente. A súa morte causou unha gran consternación na cidade.
Foi un dos pioneiros na defensa da muller
A xornada rematou cun percorrido por lugares da obra labartiana. A sesión da mañá concluíu cunha mesa redonda moderada por Jorge Mira, líder do grupo que promove a divulgación do escritor baiés. Antes diso, o catedrático Ricardo García Mira, que o pasado xoves pronunciou a lección inaugural do curso da UNED, analizou varios poemas de Labarta dende o punto de vista psicolóxico. Destacou, a modo de síntese, a dimensión emocional de apego, a identitaria, a defensa pioneira da muller e contra a violencia de xénero, así como a crítica a través do humor e da sátira. Sendo parlamentario, García Mira propuxera a declaración de apoio a Labarta e Pondal no Congreso dos Deputados.
Outro dos participantes onte foi o filólogo Xosé Manuel Varela, quen lle fixo recitar aos asistentes A festa da patrona de Tabeirón. Analizou a variedade dos recursos poéticos e retóricos do poeta baiés: metáforas, hipérbatos, quiasmos ou, entre outras, comparacións e a forza narrativa. Dixo que algunha estrofa está entre as selectas da poesía galega.