La Voz de Galicia

Lembrando os inicios de Adro

Carballo

ricardo vigueret Carballo / la voz

En Baio para asociarnos non tempos problema, entramos ao trapo e...

08 Jan 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Cando o pasado 10 de decembro me convidaron á festa do 40.º aniversario de ADRO, xunto cos demais membros da primeira directiva e tamén cos outros presidentes que viñeron despois, moitas lembranzas acudiron á miña cabeza. Non é doado retroceder 42 anos no tempo e máis sen deixarse levar pola nostalxia. Pero alí estabamos un servidor, Quico Mato, Lolo de Muíño, Maricarmen da Cacharoza e Alberto de Elías (faltaba Toño de Rogelio, que non puido asistir) intentando contarlle ao numeroso público asistente a esa festa de aniversario e á posterior foliada, como fora o nacemento de Adro.

Como moitas ideas (e entre elas algunha boa) esta de fundar unha asociación naceu nun bar, neste caso no Acuario (hoxe en día pechado como moitos outros de Baio e que marcan o inexorable decaemento do rural, porque ata os bares pechan). Pero si, alí estaba eu nunha tarde de domingo de novembro de 1980, pasando o tempo, como moita da xuventude de Baio, entre partidas de billar ou metendo moedas nunha máquina de discos na que soaban os éxitos do momento (Háblame de ti de Los Pecos; Aire, de Pedro Marín, e Santa Lucía, de Miguel Ríos, entre os españois, ou Emotional Rescue, dos Rolling Stones e Can't stop the music dos Village People, entre os estranxeiros).

E entre disco e disco e tomando algo con Quico, apareceu Toño e lanzou a proposta: por que non facemos unha asociación cultural ao estilo doutras que xa se están constituíndo pola zona? E en Baio, que para outra cousa non será, pero para asociarnos non temos problema, entramos ao trapo e quedamos en buscar alguén máis. E así foi. Na seguinte reunión, esta no Bar Galaxia, acompañados xa de Maricarmen, Lolo e Alberto, decidimos que esa asociación tiña que nacer. E mantendo discusións como que nome poñerlle (impúxose o de Adro, que en Galicia era sempre sinónimo de lugar de reunión antes da misa e nós queriamos iso, xuntar a canta máis xente mellor), como legalizala (a Lei de Asociacionismo aínda era recente e alá foi Maricarmen á Coruña conseguir uns estatutos) e o máis importante, que actos facer e como financialos, pois lanzámonos a unha aventura descoñecida pero precisamente por iso moito máis emocionante.

Porque iso si, todo era tratar de sortear dificultades, pero con gañas, imaxinación e as forzas que dá a xuventude, nós tiramos para diante. E a partir de aquí comeza o que xa é historia. Nos primeiros catro anos, os da nosa directiva, logramos consolidala. Dende a primeira actividade (ese famoso Belén xigante en lembranza dos que facía o finado crego Juan Astray) e continuando con proxeccións de cine, audicións musicais, concursos, concertos de folk e rock ou iniciando actividades que despois foron durante moitos anos signo do labor de Adro: as cabalgatas de Reis, as comparsas de Entroido ou a recuperación da Festa da Carballeira.

Tras de nós moitas directivas máis que engrandeceron, tanto en número como en calidade, a actividade da Asociación. Momentos difíciles tamén, ata o punto de reunirse un montón de xente e desfilar polas rúas de Baio a modo de manifestación para evitar a súa desaparición ou sobrevivindo a unha pandemia. Pero na actualidade Adro está máis viva que nunca. Conta cunha directiva de mozos e mozas, como eramos nós daquela, que encabezados por Fran Gavín, intentan manter vivo o labor que nós iniciamos. Centrados sobre todo no tradicional (baile, gaita e pandeireta), porque moitas das actividades que antes se facían (dígase cabalgatas, entroidos e demais) e que daquela se non era por medio dunha asociación non terían lugar, hoxe están cubertas polos concellos dentro das súas programacións culturais. Pero non desfalezades, rapazas e rapaces de Adro (directiva e participantes), porque dentro doutros 40 anos, cando vós volvades a vista atrás como estou facendo eu agora, quedaravos a gran recompensa de que realizando un labor altruísta, enchestes un oco das vosas vidas, que a pesar dos traballos, dos esforzos, das dificultades... achegáronvos vitalidade e unha inxección de enerxía á vez que a satisfacción de ter aportado algo importante ás vidas de todas e todos os que se beneficiaron do voso bo facer. Iso sen contar que estades a manter viva unha parte moi importante da nosa cultura e tradición como son o baile e a música galegas. Ánimo e a seguir adiante!

Ricardo Vigueret. Nacido en Baio no ano 1958 e dedicado á docencia, foi, como relata neste texto, un dos fundadores e tamén presidente de Adro. A compañía de teatro Badius ou o grupo En feminino singular, do instituto Maximino Romero de Lema, tampouco terían sido nunca o mesmo sen o empuxe e o bo facer de Vigueret.


Comentar