La Voz de Galicia

Os días medran e a Fundación Pondal avanza programa

Carballo

P. Blanco Carballo / La Voz

Entre mañá e o vindeiro 5 de maio haberá un bo número de iniciativas, dadas a coñecer onte

15 Jan 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Dende mañá mesmo, 16 de xaneiro, ata as portas case das Letras Galegas, a Fundación Eduardo Pondal, con sede en O Couto, Ponteceso, desenvolverá unha intensa actividade en varios epígrafes. «Os días van medrando» é como deron en chamar ao almanaque de propostas para este primeiro cuatrimestre do 2023, presentadas onte polo presidente de entidade, Lois García; o seu xerente, Xosé María Varela; a presidenta da Casa da Muller, Uxía Varela; e representantes do ámbito educativo, do voluntariado xuvenil e voluntariado sénior.

Casa da Muller. E Universidade Rural Aldea do Couto. Segue o programa de envellecemento activo. Os luns, percusión; os martes, costura; os mércores, cancioneiro e informática; os xoves, mindfulness e cociña; os venres, teatro, cestería e pirogravado. A isto hai que sumar charlas.

Día da Muller e da Nena na ciencia. O 10 de febreiro, visita á Domus, guiada pola directora, Patricia Barciela.

Día da Muller. Na semana do 8 de marzo, encontro interxeracional na Casa da Muller con alumnado de infantil e tamén de educación primaria.

Saberes das Avoas. Nas tardes dos sábados previos aos entroidos, faranse filloas, orellas ou rosquillas. Como instrutoras, as propias avoas.

Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Un dos proxectos estrela para os máis novos dende a Fundación Eduardo Pondal. Os sábados, de 10.00 a 14.00, experimentos, robótica, vídeo, radio... Un xeito de ir avivando e ir pulsando vocacións.

Educación. Entre as propostas, un curso de metoloxías activas para entender a ciencia en educación infantil e primaria. Será os días 6 e 13 de febreiro, así como 6, 27 e 28 de marzo, con relatores como Patricia Barciela, Xacobo de Toro, David Ballesteros e José Viñas. Para o 5 de maio, no Pazo de Mariñán, durante o encontro anual de equipos directivos de infantil e primaria, está prevista a presentación como «boa práctica» das Escolas de Inverno, Primavera e Verán da Fundación Pondal.

Literatura. Volverá haber este ano Caldo de Gloria, o 24 de febreiro, parte das Lareiras do Rexurdimento. Seguirán chegando novas Covas Célticas e para o 20 de abril está prevista, ademais, unha excursión por Lourenzá, seguindo as pegadas de Del Riego.

Xuventude. Como xa se fixo público, a fundación pontecesá logrou o apoio de Política Social para unha iniciativa de talento interxeracional. Como mentores, Lucía Lorenzo, Teresa Mosqueira, Xosé Manuel Varela, Evaristo Domínguez, Antonio Fernández e Ana Romero. Seguirá, doutro lado, a Escola de Tempo Libre Eduardo Pondal, un curso de monitorado con fío condutor na paisaxe pondaliana.

Artesanía. O 1 de abril, obradoiros polos Días Europeos da Artesanía, como cada ano.

Conciliación. Funciona no Couto a Escola de Verán, a Escola de Inverno e haberá tamén de primavera: entre o 3 e o 6 de abril (Semana Santa).


Comentar