Modesto Fraga: «A Biblioteca da Fisterranía é o proxecto da miña vida, o legado que máis me ilusiona»
Carballo

Entrevista | Tras Francisco Esmorís Recamán, o poeta vén de recuperar tamén a obra de Ramón Marcote, o fisterrán que foi dos primeiros en defender a teoría de que Cristóbal Colón tiña orixe galega
12 Apr 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Ramón Marcote, histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana, é o segundo autor rescatado na Biblioteca da Fisterranía, unha iniciativa nacida para recuperar a memoria de referentes culturais moi próximos. Detrás desta proposta está o poeta Modesto Fraga, que xa no 2021 publicou unha primeira entrega dedicada a Francisco Esmorís Recamán e que estes días estivo inmerso nunha xira de presentacións do último volume. Onte, en Radio Voz Bergantiños, falou dos obxectivos, da acollida e do futuro que agarda a este proxecto.
—Quen foi Ramón Marcote?
—Foi un emigrante de Sardiñeiro [Fisterra] que con apenas 18 anos decidiu marchar para Cuba. Tiña unha formación limitada, pois apenas sabía ler e escribir, pero unha vez alí asistiu a clases polas noites para empezar a formarse e entrou en contacto con intelectuais galegos que alí vivían. A Habana era o gran centro neurálxico da cultura de Galicia e Marcote acabou sendo unha das súas grandes figuras. Entrou como bibliotecario do Centro Galego no 1905, estivo 50 anos e alí adquiriu unha cultura impresionante ao poder documentarse e ler a tódolos clásicos. Ao longo da súa vida fixo e participou en todo tipo de iniciativas: foi membro fundador da Real Academia Galega, encargóuselle a creación dunha filial da ABC de Corcubión, impulsou colectas e obras benéficas...
—E destacado foi, tamén, o seu papel na tese da orixe galega de Cristóbal Colón.
—Si, entra en contacto co que naquel momento era o gran rival de Murguía, García de la Riega, e cando este atopa os documentos pontevedreses nos que se menciona o nome de Colón, desenvolve a súa tese e Marcote súmase a ela. E cen anos despois, aí estamos, que podería probarse.
—Todo dependerá desa proba xenética que hai en marcha.
—Si, un comité de investigadores internacionais están traballando e recentemente extraéronse restos óseos de Poio e Vilaxoán, de supostos parentes de Colón, para cruzar a información xenética cos osos do navegante e dun fillo que están custodiados en Granada. Nuns meses debería saberse, e cen anos despois a ver se a ciencia por fin lle dá a razón a Marcote.
—A nivel literario, cal é a obra máis importante deste fisterrán?
—As obras del han de entenderse cada unha no seu contexto. Por exemplo, escribiu unha historia de Galicia que foi moi exitosa, tanto, que ata se reeditou e publicáronse miles de exemplares. Pero non era unha peza tan rigorosa como a de Murguía, senón que era unha obra dialogada, con preguntas e respostas, que valía para tódolos públicos. O ano que vén, como se farán 100 anos, reeditarémola en versión facsímile, como a orixinal.
—E neste volume que veñen de editar na Biblioteca da Fisterranía que é o que recollen?
—Principalmente o gran libro Colón pontevedrés: son artigos que foi publicando en revistas en Cuba e que despois recolleu neste título. É un libro que remove conciencias, pero que xerou polémica coa Academia, que tiña unha postura diferente e púxolle un manto por enriba.
—Xa avanzou que o crego-poeta de Duio Matías Escariz será o seguinte autor recuperado.
—Si, hai tempo que se vén reivindicando a figura deste crego, que estivo en Duio 12 anos e que deixou unha produción poética en galego impresionante. Unha produción aínda inédita, xa que a foi publicando nun xornal da época, El Compostelano, e non chegou a compilarse. Xa temos o traballo bastante avanzado e tamén comezamos co Capitán Traba, outra figura que temos que recuperar.
—Que o levou a iniciar este proxecto? O desexo de facer xustiza con esas figuras «esquecidas»?
—Este é o proxecto da miña vida. É un legado que me ilusiona moitísimo, máis incluso que a miña obra propia, porque sinto que era unha débeda histórica. Agora, a xente de Fisterra, que sempre escoitou estes nomes, terá estes libros para coñecer máis da súa historia. E a idea é incluír tamén autores contemporáneos, para que, mentres les a Marcote, poidas tamén ler a Alexandre Nerium ou ao propio Roberto Traba.
—Quedan aínda moitos autores que poñer en valor?
—Por suposto, aínda faltan moitos por recuperar. E a Marcote estamos dándoo a coñecer por aquí, pero pretendo presentar o libro tamén en Pontevedra e Santiago. E gustaríame moito facer unha presentación na Real Academia Galega, porque sería unha maneira de dignificar, por fin, a este autor, que morreu apesadumbrado pola postura da RAG no asunto de Colón. Un acto solemne, cun membro fundador da Academia, para que cen anos despois se faga xustiza.