Un clásico noso para encontrar a serenidade en momentos de desacougo
Carballo
Sesenta anos do pasamento do muxián Gonzalo López Abente
24 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Estamos nas vésperas do 25 de xullo, a festa nacional de Galicia que cantou o poeta muxián Gonzalo López Abente: «Queremos celebrar o noso día / baixo o agarimo da benina estrela». Hai sesenta anos a estrela non reluciu e o poeta celebraría o noso día e desde o «morno abrigo das arnelas fondas».
O noso poeta chegou no ronsel dos grandes escritores. Viña na estela de Rosalía, Castelao, Pondal, Añón, Curros, Noriega Varela. Desde o curruncho muxián soubo entender e cantar as cousas que dan sentido á vida neste mundo, o local como universal, así como defender as liberdades en tempos difíciles, por non dicir de barbarie.
Hoxe son tamén tempos difíciles, dominados pola volatilidade, mentiras e banalidades, onde o fácil é esquecer. Obrígannos a esquecer. Mais son estes os tempos propicios para volver aos clásicos. López Abente é un clásico, un dos nosos clásicos. Aos clásicos debemos regresar para encontrar a serenidade en momentos de desacougo. Eles sinalan camiños que nos levarán a certezas infindas. Mais tamén podemos volver a López Abente para ler a paisaxe histórica que habitamos. Con el podemos percorrer esta xeografía que estamos cambiando velozmente e baleirando de significados históricos, polo que perdemos os referentes que foron soportes dunha memoria colectiva. Ler os clásicos para seguir tendo referentes colectivos e volver a cargar de significados a paisaxe construída historicamente e non sexa un ente ermo, que non entendemos ou só percibimos como campo de especulación.
Hai cen anos creábase o Seminario de Estudos Galegos. Tiña como proposición actualizar o discurso cultural por medio do estudo integral da cultura galega. Isto inserido nun proxecto de defensa da identidade cultural de Galicia. López Abente tamén estaba nese proxecto. Ler a súa poesía narrativa é tamén procurar argumentos para sermos nós no mundo de hoxe, un mundo entre o local e o global, un mundo glocal.
Gonzalo López Abente segue sendo importante para entendermos a nosa realidade e buscar referentes que axuden a sinalar un camiño certeiro cara ao futuro. Velaí o valor dos clásicos, dos nosos clásicos. Volvamos a López Abente. Ten aínda moitas respostas que darnos.
A 60 anos do seu pasamento a súa obra segue sendo necesaria, especialmente para os que somos ou habitamos a Costa da Morte.