Baldaio e a antiga estación de troles de Carballo, en vídeoclip con De Ninghures
Carballo
O ABALADOIRO | Esta banda do novo folk galego vén de lanzar «Olliños negros», cadrando co 70.º aniversario da revolución cubana
27 Jul 2023. Actualizado a las 19:09 h.
De Ninghures, banda do novo folk galego, anuncia novidades. «É o momento das músicas tradicionais», comentan dende a formación, que este 26 de xullo estreaba nova remesa de frescura: Olliños negros, un EP de «dous temas de sonoridade cubana sen perder a esencia do país». Chega despois do disco Aquí e despois de sinxelos como Mal pica, abundando na mestura trasatlántica coa galega. Olliños negros non chegou nunha data calquera, senón cadrando co 70.º aniversario da revolución cubana, o 26 de xullo de 1953. Tampouco chegou de calquera forma, senón acompañado o lanzamento pola estrea dun vídeoclip dirixido por Xaime Miranda e rodado na antiga estación de trolebuses de Carballo e no espazo natural da marisma de Baldaio.
A peza audiovisual foi posible grazas ao impulso do programa Son Emerxente da Agadic, así como da Fundación Paideia. O San Froilán de Lugo, o Atlantic Fest, o Tradfest, a Foliada da Fonsagrada ou Castelo Conta coñecen xa a sonoridade desde grupo nacido «das inquedanzas de xente nova de diferentes puntos da nosa xeografía». Partindo da tradición galega, o que ofrece De Ninghures é un repertorio con «claras influencias de músicas doutros pobos».