La Voz de Galicia

Natural

Carballo

Natalia Lema Otero
Imagen de archivo de una peluquería.

07 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Os mellores temas atópoos na vida cotiá. Neses pequenos impases que nos pasan pola cabeza coma cometas. Estaba nun salón de peiteado e unha muller á que non coñecía pediu a tintura de sempre, así, con ese toque natural. Quedei mirando para aquel rubio platino un bo cacho, pensando de onde saía a naturalidade daquela cor de cabelo impostada e tan artificial. A muller ata se me semellaba ás ilustracións de Quentin Blake sobre a nai de Matilda, do autor Roald Dahl.

Vivimos nun mundo irrisorio, cheo de mentiras para facernos sentir mellor. Segundo as estimacións de organizacións medioambientais, xa consumimos todos os recursos naturais previstos para este ano. Eu pinto o meu pelo dende os dezaseis anos, pero non pretendo que me quede natural. Natural sería que deixase agromar con forza as ducias de cabelos brancos que me inundan se non uso tintura sintética, que a ver se alguén vai pensar que tamén é natural por ter amoníaco, un elemento da táboa periódica.

Queremos vivir contra natura, alterando ata co máis mínimo detalle todo aquilo que seguiu un curso determinado durante millóns de anos e que non pareza artificial ou falso, coma se fose iso posible. O normal non é operar o peito para ter unhas mamas redondeadas e perfectas ou unha vaxina simétrica que pasou por bisturí. Os nosos corpos naceron para ser diferentes, para pórense brancos os cabelos e ca pel sucada de engurras de arriba a baixo. Non está mal intentar retrasar o efecto da vida en nós, eu mesma o fago. O perigoso é pretender que iso é natural, esquecer a noción tan simplista da vida mesma.


Comentar