Dar a man
Carballo
11 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Aprimeira vez que ela me dixo que se intentara suicidar, teriamos 20 anos e saíulle da alma confesarmo. É duro escoitar con enteireza estas palabras aínda sendo amigas. Resoan na cabeza unha e outra vez e fan dano. Creo que foi a primeira vez que fun enteiramente consciente de que hai persoas que sofren sen dicir palabra. Que a maioría non avisa cando decide facelo, nin vai de farol. Ela tivo sorte, outros moitos víronse abocados a tirarse dun precipicio sen oportunidade de fallar. O 10 de setembro é o Día Mundial da Prevención ao Suicidio. Sen plans estratéxicos, sen medidas para paliar a dor e o sufrimento mental, as cifras non son alentadoras. Pensemos en cantas persoas de idade coñecemos que acabaron así, esganados, como din nas aldeas. Outrora era un mal de vellos, hoxe afecta a todos por igual, aos novos tamén. Estamos máis conectados ca nunca, pero estamos sós tantas veces, aínda rodeados de xente. As persoas teñen a idea equívoca de que é unha decisión persoal e voluntaria. Quen decide acabar ca súa vida faino porque a súa mente lle impide pensar que existe outra solución. Ten unha percepción equívoca da realidade que o afronta a unha toma de decisións obrigada. Por iso, é tan importante desestigmatizar a saúde metal, as afeccións psicolóxicas, facer unha detección temperá e pedir axuda. Ningún problema pode ser o suficientemente poderoso para arrebatarnos o dereito a vivir o tempo que nos corresponda. A vida ten cousas tan fermosas que non nos poden negar o dereito a sentila en todas as vertentes. Así como hai campañas para os accidentes de tráfico, eu quero ver anuncios de teléfonos de asistencia, preventivos.