Obras
Carballo
15 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Un, que se considera un cidadá responsable, sabe que as obras públicas son imprescindibles para facilitarnos os servizos que precisamos para facernos a vida máis cómoda e, en xeral, acepta de bo grado os inconvenientes que comportan. Agora ben, cando escoito ao alcalde Evencio Ferrero dicir que, entre os traballos que se están a realizar para evitar as enchentes do Anllóns, os que corresponden ás pontes da Casilla e da Milagrosa van coincidir no tempo, lembro aquel comentario que se atribúe a Danny DeVito estando de visita en Madrid. O famoso actor, ao ver a cidade aberta en canal por infinitas escavacións, preguntou se estaban a buscar algún tesouro. Sei que a busca do Potosí que nos afecta directamente a nós non é responsabilidade directa do Concello de Carballo, xa que, ao parecer, a Xunta e Augas de Galicia van marcando os ritmos, pero se lle engadimos o arranxo da Rúa Estrela, a demolición das antigas casas dos mestres, e outras infraestruturas, teremos a vila feita uns zorros, (descúlpenme os defensores dos animais), durante moitos meses.
Por iso que, estando ben as obras e ben invertidos os cartos públicos cando van destinados a cubrir as necesidades da poboación, tamén é certo que a administración cabal dos tempos para non entorpecer en exceso a vida cotiá da cidadanía sería unha actitude de responsabilidade política. Outra cousa é cando afecta a actuacións de urxencia por inclemencias do tempo.
Así e todo, hoxe, máis por desgraza que por fortuna, o Anllóns parece un regato a piques de secar. Momento axeitado para limpar de arbores caídas no leito do río camiño de Bértoa. Tendemos a pensar que todas as catástrofes quedan lonxe, Libia ou Marraquech, e esquecemos que somos igual de vulnerables.