Labarta Pose regresou a Compostela como «suxestión» para un Día das Letras Galegas
Carballo
Jorge Mira e Manuel Muíño reivindicaron a un autor «visionario» e «pioneiro»
01 Feb 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Enrique Labarta Pose (1863-1925) asentou en Santiago os alicerces dunha vida dedicada á poesía, á narrativa e ao xornalismo. En Compostela forxou a imaxe que lle inspiraría a Alejandro Pérez Lugín o personaxe de Barcala en La Casa de la Troya. E foi no claustro alto do Colexio Fonseca, da universidade compostelá, onde onte tivo lugar unha especie de homenaxe na inauguración da exposición Enrique Labarta Pose, a pluma da terra, do Concello de Zas e comisariada por Jorge Mira.
Foi Mira Pérez quen fixo a introdución da mostra e aproveitou a presenza de tres membros do plenario da Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco, Xesús Ferro Ruibal e Francisco Fernández Rei, para facer «unha suxestión subliminal», que se lle dedique a Labarta o Día das Letras Galegas, a poder ser no 2025, no que se cumpre o centenario da morte do poeta, autor teatral, narrador e xornalista. Lembrou o físico soneirán que dende o 2002 non se asignou a festividade a un autor anterior ao século XX.
Nesta mesma idea incidiu o alcalde, Manuel Muíño, para quen sería «de xustiza» ese recoñecemento. Apuntou que o Concello de Zas leva feito o labor de recuperar e divulgar unha figura tan importante como foi o literato baiés «no seu momento», «unha figura adiantada ao seu tempo». Foi un traballo co que trataron de pagar unha «débeda histórica». Agora só falta pechar o círculo e que «os que teñan que decidir que decidan», dixo.
A académica Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, resaltou que Labarta ten un «mérito engadido: ter unha comarca completa detrás da súa figura». Pilar Murias, vicerrectora de Cultura, desexou «as mellores das fortunas» para ese Día das Letras Galegas.
Un personaxe inxustamente esquecido que sempre estivo moi conectado coa terra
Jorge Mira dedicou unha ampla disertación a Labarta, de quen destacou a súa capacidade para cultivar diversos xéneros: narrativa, poesía, teatro, ademais do xornalismo. A sátira era unha das súas ferramentas. Chegou a crear cinco revistas. Foi un pioneiro en moitos aspectos. Así, en 1883 foi o primeiro en publicar unha foto nunha publicación periódica. Era un «visionario», cualificou o físico.
Foi un dos introdutores do fonógrafo en Galicia. Sinalou que foi un personaxe moi popular no seu tempo. Lamentablemente, o feito de que tivese que marchar para Barcelona contribuíu, en certa medida, ao seu esquecemento. Tanto que incluso fora nomeado membro da Real Academia de Galicia, pero non puido acceder ao posto, que foi para outro. Lembrou, por outro lado, que o mesmo Fernández del Riego escribiu que a historia foi inxusta con Labarta.
Muíño destacou que o escritor baiés foi un adiantado ao seu tempo en aspectos como o de dedicar un poema á defensa da muller. Tamén lembrou outro de apoio á lingua galega. Un autor moi conectado coa terra, o que tamén destacou Rosario Álvarez, que dixo que o grupo de Labarta en Pontevedra creou unhas imaxes de formas culturais que se converteron en icónicas en Galicia. Por último, Tania Carreira explicoulle o contido da exposición aos presentes.