La Voz de Galicia

Pili Pampín: «Teño que mellorar o de levar a bolsa ao súper, que sempre a esquezo»

Carballo

antón lestón carballo / la voz CANTANTE

A cantante repasou en Ecovoz as técnicas para coidar o medio ambiente que máis pon en práctica

05 Feb 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Pili Pampín (Rois, 1971) é unha das voces máis recoñecidas de todo o panorama artístico galego. E esta semana estivo en Ecovoz falando sobre as prácticas medio ambientais que máis pon en práctica de forma particular.

—Pílloa de vacacións ou tamén ten moitas actuacións en xaneiro?

—De vacacións nada! Estamos preparando todo o repertorio para o verán, temos un programa... Pouco paramos porque as contratacións están indo a un ritmo moi rápido.

—É unha persoa moi coidadosa coas prácticas para coidar o medio ambiente?

—Si, si. Intento facelo e inculcarllo as miñas fillas, por suposto. Non obstante, creo que cada vez os máis novos son máis conscientes de que hai que coidar o noso medio ambiente. E reciclar, para iso, é crucial para conservar moitos dos recursos naturais que temos.

—Cales son os xestos que máis practica?

—Hai un que teño que mellorar si ou si. O de levar a bolsa ao supermercado. Mira que sempre a deixo enriba da mesa para acordarme. E cando chego a pagar, doume de conta que alí quedou, non hai maneira! (bromea). Máis alá diso, si é certo que nasa teño distintos colectores para separar papel, vidrio, plástico e restos alimenticios.

—Á hora das xiras musicais, imaxino que será máis complicado...

—Sempre hai algunha forma. Imos no coche e levamos unha bolsiña e, cando paras, xa o intentas separar como poidas, cando se pode.

—Unha medida que tivo moito éxito no eido dos espectáculos foi a do vaso reutilizable. Vostede a notou para ben dende enriba do palco?

—Era moi triste ver os vasos no chan ou que houbese vasos de cristal, co perigo que iso supón. Agora, en cambio, ao cobrarche un euro por el, pois xa doe tiralo e o levamos para casa. Non obstante, o que tamén vexo dende enriba do escenario é que nas festas e nos concertos máis grandes, unha vez rematado o espectáculo segue quedando moito lixo polo chan. É, imaxino, moi difícil de solucionar, pero temos que intentar mellorar nese aspecto.


Comentar