La Voz de Galicia

Rifando no ceo da pesca

Carballo

Estevo Lista

31 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Dedicado a Manolo Penedo e a Suso Lista.

Síntome tremendamente feliz e orgulloso de pertencer á terra de Buño, alí onde os artesáns da olería coas súas mans esculpen dun xeito extraordinario as pezas de barro.

Foi nesta a miña terra onde coñecín a estes dous magos, non da olería senón da tamén arte da pesca.

Os primeiros recordos que me relacionan con eles pódese dicir que foron comerciais, pois cando era cativo para que me levaran a pescar, sobre todo meu irmán Suso, chantexeábame e obrigábame a apañar saltóns e grilos, arte que utilizaban os dous no río de Va.

Nos seus primeiros tempos como pescadores ambos eran tremendamente costumistas e utilizaban aquelas canas de bambú, xeralmente de tres tramos, nas que se lle ataba a liña na punta e veña bailar o saltón ou grilo ata que a troita picaba.

Aínda recordo con moito agarimo un día do mes de xuño, aló polos anos oitenta, no que o sol petaba tan forte que queimaba e pedíronme si os podía levar no meu Seat 123 a Arixón, pola mañá e despois buscalos ás sete da tarde a Mens. Si, tiñan pensado percorrer todo ese camiño (entre sete e nove quilómetros) pescando ao saltón e ao grilo.

Cando cheguei estaban na taberna de Mens, rebentados de cansazo, pero, iso si, con media ducia de cervexas para espantar a calor e cos cestos cheos de troitas (daquela non había tanta rixidez cos topes).

Cando foron cambiando as augas menores polas do Anllóns, Castro, Xallas e outros non foi ningún problema para eles, por o que ten maxia no río pequeno ten arte no grande.

Ese paso supuxo para todos os que os rodeabamos un impulso e unha alegría, xa que a súa iniciativa e gañas gozar do río contaxiaba aos demais. Por iso creamos a Peña Río de Va, unha asociación de amigos que perdurou ata a súa morte. Nela eu teño que dicir que pasei os mellores momentos da miña afección pesqueira. Que gratos momentos recordos dos días de pesca e troula! Case sempre remataban con cantarelas.  

Peña Río de Va

O primeiro día da tempada (con touciño asado incluído), o Venres Santo no Castro, cando estaba tan cheo de cóbregas que Manolo, que dicía que colgaban das árbores. As viaxes dos anos setenta no coche de Moncho do Correo, Xosé María de Bolica ou máis tarde no de Mahía conducido por Xosé Pallas. Tódalas persoas que pasaron pola peña: Antonio Caamaño, Luis de Rulo, Pallas, Arturo, Piña, Fernando o médico... E os que aínda formamos: Moncho do Correo, Caamaño, Caramés, Fernando Mourón, Jorge, Chans, Valiña, Capilla, Adri e os dous fillos de Manolo, Alberto e Carlos Penedo.

Antes de morrer, en xuño do 2017, Suso solicitoulle ó seu fillo Xesús a vontade de levar no féretro a cana de pescar e o carrete de río, desexo que así lle foi cumprido.

Agora, co falecemento de Manolo Penedo Rodríguez estou seguro que aló onde se encontren xa estarán rifando, como fan os bos amigos, sobre o tipo de cana, anzol, liña... Que van utilizar no seu novo camiño.

Estevo Lista. Buño.


Comentar