La Voz de Galicia

Un territorio pleno de esculturas e significado

Carballo

CÁNDIDO PAZOS Escultor

A viva voz | Escribe Cándido Pazos | Encabezando a miña obra escultórica, comezaría pola impoñente besta do Vákner, en Dumbría

17 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Nacín no ano 1943, en Santiago de Compostela, pero iniciei os meus traballos de escultura arredor do 1980. O meu nome é Cándido Pazos López e, encabezando a miña obra escultórica, comezaría pola impoñente besta Vákner, protagonista do Camiño de Fisterra e Muxía, emprazada nun cruce de camiños, no Marco do Couto, no municipio de Dumbría, e con máis de cinco metros de altura. Máis datos sobre a creación: unha tonelada de bronce. Esa é a figura da que me tiña falado o historiador Antón Pombo, e que me encargou o perpetuo exalcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño. Hoxe, esta escultura do Vákner, como dixo non hai moito o actual alcalde de Dumbría, Raúl González, é un dos monumentos máis visitados, ou o máis visitado, na peregrinaxe aos confíns da terra.

Non é a miña única creación, dende logo, e a continuación farei un percorrido por algunhas desas esculturas saídas do meu maxín e que, na súa maioría, flanquean trazados dos Camiños de Santiago. É o caso da Porta Itiniris Sancti Iacobi, ou Porta de Europa, con 17 metros de altura, feita en granito e bronce, con detalles en serpentina, instalada na entrada do Camiño Francés en Santiago. Simboliza o espírito de acollida da cidade. Os 24 anciáns da apocalipse, doutro lado, están representados na obra Arcus Itineris Sancti Iacobi, con 12 metros de altura, realizada igualmente en granito e bronce e instalada, neste caso, na entrada do Camiño Francés en Logroño.

Tamén no ámbito da peregrinación, o mural Traslatio Sancti Iacobi, ao que lle dei vida en serpentina e bronce, con tres metros por un e medio, unha obra instalada no edificio da Fundación Abanca, igualmente na capital galega. Vénme á cabeza, ademais, a fonte da Peregrina, no Monte do Gozo, tres metros e medio de diámetro, ou a esfera armilar, fronte ao edificio do Xacobeo, en Compostela. Deixei na vila da Estrada, asemade, un peregrino.

Pola súa técnica realista destacan traballos como a man de Baco, en bronce e serpentina, cunha altura de tres metros e un peso de sete mil quilos, instalada no Museo Vivanco de La Rioja. A nove metros sobre o monumento aos mariñeiros mortos no mar, asunto que ben coñece a Costa da Morte, pero que non se empraza nesta comarca, senón en Vigo, unha onda tallada no seu contorno e unha cruz, empregando para isto xema de serpentina.

IVAN CASTELO

O Vákner é unha homenaxe ao patrimonio inmaterial, pode verse así, unha faceta de tributo que tampouco me é allea noutras creacións. No edificio Abanca de Pontevedra está a escultura do Teucro, sete metros de altura, en bronce, homenaxe ao fundador desa cidade. Viaxo a Haro, doutro lado, para lembrarme da homenaxe a todos os rioxanos que son as miñas uvas en repouso, unha obra realizada sobre base de granito rosa do Porriño, cun acio de basalto e un peso total de 45.000 quilos. Miñas son as esculturas de Breogán, representando ao pai mitolóxico do pobo galego, na Fundación Abanca, e de Bríxida, con outros nove metros de altura e parella a Breogán, ela deusa da inspiración e o fogo. San Lázaro loce unha escultura do papa Benedicto XVI e a Praza da Inmaculada compostelá, unha do papa Juan Pablo II. A Rosalía de Castro, a nosa ilustre escritora e poetisa, leveina ata Pamplona, en bronce e aceiro corten. A relación con Logroño a través da escultura éme intensa, tamén alí está o Crisol das civilizacións do viño, na que emprego, entre outros materias, cuarzo branco, na Universidade de La Rioja. Volvo a Haro, ao centro desta fermosa cidade, onde se instalou o meu Monumento ao toneleiro, de tres metros.

De Chile a Nova York

O fin dun barco non é navegar, senón chegar a porto, e iso é o que nos lembra o estanco do barco de papel de xornal, con nove metros de diámetro, escultura instalada no Centro Financeiro de Portugal. Teño no Parlamento Europeo de Bruxelas outra esfera armilar, e vou ata Chile para falar dun mascarón de proa que nos lembra a Pablo Neruda, ou ata Nova York se me lembro das mans do guitarrista Pablo Sáinz de Villegas.

O queixo, o berberecho ou o polbo nun tributo escultórico en varios municipios

Un galo piñeiro no consistorio do Pino; unha escultura ao fabuloso queixo de Arzúa; outra ao berberecho en Noia, ou un traballo dedicado ao polbo de Ezequiel, prato estrela da nosa gastronomía, en Melide, son algunhas das creacións que fun deixando nun territorio, este noso galego, pleno de sabores. Singular, tamén, a escultura da Camelia Xacobea, neste caso tributo a unha paixón que sinto pola camelia en xeral e pola Xacobea en particular, unha obra que atopou lugar en Vedra.

Un gardián do Camiño en Paradela, a Inmaculada Concepción na Brilat de Pontevedra, Minerva no colexio Manuel Peleteiro de Santiago ou a escultura á concordia, paz e liberdade no Parlamento galego, son outras desas obras que un podería buscar na nosa comunidade co selo de Cándido Pazos. Fixen aquí un percorrido polas máis destacadas, sen querer esquecerme tampouco, nin entrar xa a afondar nela, da ampla colección de esculturas de pequeno formato que integran moi distintas exposicións.

DNI

XOAN A. SOLER

Cándido Pazos López. Nacido no 1943 en Santiago, este texto deixa ben clara a súa faceta de escultor, mais tamén é debuxante —con Premio Nacional—, pintor, deseñador ou paisaxista, entre moitas das súas curiosas facetas. A súa obra ás beiras dos Camiños tamén o poden erixir como certeiro embaixador deles.


Comentar