Retratar
Carballo
25 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Meus avós cando falan de fotografía chámanlle retratar. Eu coñecín a Ruth Matilda Anderson mediante unha profesora que me prestara un libro sobre ela. Descubrir aquelas fotos da miña terra, aqueles lugares que eu tan ben coñecía, dende un prisma tan antigo resultoume revelador. Naquelas láminas eu vía as leiteras das que tanto escoitara falar, a miña nai e a miña avoa carrexando durante quilómetros o leite para vender. Vía tamén á avoa Mercedes a través de aquelas mulleres con cofia. Era a mesma ollada dun tempo onde as señoras de idade tiñan que ir de loito cerrado e co pelo cuberto por un pano atado. Vía a mirada de fame dos nenos que empezaban a traballar dende cativos nunha vida feliz, pero chea de miseria. O traballo de Anderson ten poucos competidores, foi un traballo fotográfico, pero tamén literario, de traballo de campo a través do seu inseparable diario.
O Concello de Dumbría homenaxeou á fotógrafa estadounidense este sábado. Non foi a única, Ana García foi tamén un rostro a loar, polo seu ineludible traballo como fotoperiodista. Como retratista, que dirían os vellos. A min persoalmente, gústanme as homenaxes en vida, cando aínda podemos recibir ese feedback de quen admiramos. Pregúntome moitas veces que pensaría Ruth Matilda se puidera franquear barreiras tan opacas coma o tempo e a morte para poder volver á Costa da Morte. A terra que pisou é a mesma pero as mulleres que conforman a sociedade actual quero pensar que teñen máis ferramentas de crecemento que as nosas devanceiras. Igualmente, o noso camiño non sería o mesmo sen todas aquelas que trillaron o noso camiño para podéremos pasar. Mulleres que, como as que fotografou Ruth, eran auténticas heroínas.