La Voz de Galicia

De Carballo a Fisterra, un mundo de actividades para este 7 de decembro

Carballo

La Voz Carballo / La Voz
A ourensana Rapariga Dj pasará hoxe polo festival Comarea de Muxía

Dúas localidades veciñas acenden hoxe, sábado, as luces de Nadal: Camariñas e Vimianzo. Mais iso será só unha pequena parte... 

07 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 7 de decembro, metade dunha ponte festiva e moito que facer na Costa da Morte, comezando polo Mercado da Ilusión da Praza do Concello de Carballo —ver esta información— e seguindo por todo o que figura a continuación:

Vimianzo • Acendido das luces • Un dos días máis agardados do Nadal, e mesmo do ano. Apertura oficial deste tempo festivo cunha gran festa infantil na Praza do Concello dende as 16.30 horas: pintacaras, inchables, animación... Acendido de luces ás 19.00 e, logo, espectáculo con Hípica Celta. Para acompañar todo isto, chocolatada e apertura do Recuncho Gastronómico.

Tamén na capital de Soneira seguirá o Ciclo de Cine Mestre Mateo, coa proxección de Salta!, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, e haberá visitas guiadas: ao castelo, ás 11.00, 12.00 e 17.00 horas. Aos Batáns e Muíños do Mosquetín, ás 12.00 e 16.00. Propostas gratuítas con inscrición a través de vimianzo.gal/turismo.

Camariñas • Acendido das luces • Hoxe, ás 18.00 horas. Acto retrasado no seu día polo mal tempo. 

Camelle • Mare de Invernía • Terceira edición deste ciclo impulsado pola asociación Naufraxios Galegos. Inclúe Feira de Nadal de 10.30 a 20.00, visitas á Sala dos Naufraxios do Museo Man (12.00 e 17.30), sesión vermú con Jolpe de Mar (13.00), actuación de Mar Devalado (16.30), proxección da película Capitanes intrépidos (18.00) e petiscos variados ás 20.00 horas.

Fisterra • Cantos de taberna • Promove a entidade Rapacollóns. Peregrinación polos bares das 19.00 ás 21.45 coas agrupacións Nin Chica Nin Patacón (O Rincón), Os sib do solpor (Real), Can de ghaiteiro (A Galería), A tripulasión (Madrid-Berlín), Son da Illa (Leo’s Bar), De tazas (O Centolo), Peta Forte (A Cantina), O Son dos Michos (O Mariquito) e De balde (O Canario). Das 22.00 horas en adiante, xuntanza e foliada aberta nos pubs Boulevard e Manhattan.

Noicela (Carballo) • De festa • No Campo do Rapadoiro, vermú co grupo Zona Zero e verbena con Zona Zero e discoteca móbil Impacto. Haberá estand solidario con O Legado de Max, de 12.00 a 19.00. Ademais, ás seis da tarde, procesión de antorchas de Noicela a Rebordelos, e volta.

Cabana • Tempos de Nadal • Sábado de festival, na súa 20.ª edición: 18.30 horas, no auditorio, formacións polifónicas Virxe da Barca, Brisas do Mar e Coral de Cesullas.

Fisterra • Borraxeira Infinita • Ás 17.30, no Bela, presentación do último libro de Xosé Luna: Aire, amor e veno. Acompañará Ramiro Cimadevila, pintor e autor das acuarelas que ilustran esta obra.

A Laracha e Zas • Tardes de baile • Ás 18.00, no centro sociocultural larachés. Ás 19.00, no de Zas, co dúo Recordos.

BASILIO BELLO

Avanza o festival Comarea dende Muxía

Chove por fóra, chove por dentro... entoou Sofía Espiñeira na noite do venres no bar O Porto. Ela, como antes se fixera cun faladoiro cultural e antes incluso cun taller de percusión, fixo avanzar, con calidez, o festival Comarea que está en marcha en Muxía. Impulsa Horta Creativa, co cámping-Lago Mar como un dos espazos de celebración. Marchan ben os ánimos, e o ritmo segundo o previsto, coa salvedade de que, por causas de forza maior, non poderá acudir finalmente á Costa da Morte Macadam Crocodile. Buscou a organización unha alternativa, que pasa por Peter Grand. Será ese un dos concertos desta tarde (19.00 horas), xunto cos de Mustard, Omiri, Rapariga DJ, Toccororo e Zars B. Son estas propostas de pago nun dos días máis destacados do festival, mais tamén haberá citas gratuítas: é o caso, tamén hoxe, pero ás 13.00 horas, da intervención de Pulpiño Viascón. Achegará animación total ao bar Plaia das Lanchas, un dos tres establecementos elixidos por Horta Creativa para desenvolver concertos de proximidade, con aforo reducido e afán de conexión público-artista.

BASILIO BELLO

Xosé Iglesias e Caamaño&Ameixeiras, en Cee

Hoxe • A programación da ponte festiva en Cee fai avanzar tamén o Nadal Cultural da vila. Dúas citas para hoxe, sábdao. A primeira, ás 11.30 horas no auditorio Baldomero Cors, onde o mariñeiro, poeta e artista Xosé Iglesias presentará acompañado pola alcaldesa, Margarita Lamela, a Carta da Memoria Submarina en Cee. Nela, os naufraxios desta costa e as especies mariñas que a habitan. Ao final do acto entregarase unha copa a cada asistente, e varias en formato mantel para a hostalaría. A segunda das propostas, tamén na Casa da Cultura, será ás 20.00, desta volta un concerto a cargo do dúo Caamaño&Ameixeiras: Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz). Chega a súa actuación dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, con entradas á venda a 5 euros (3 a reducida), dispoñibles na billeteira dende as 19.00. Músicas e bailes de raíz, un repaso polos dous traballos desta premiada e xa internacional agrupación: teñen na rúa os discos Aire! e Quitar o aire.

Xisco Feijoo actúa en Outeiro de ReiBASILIO BELLO

Festival solidario pola dana na Praza da Ribeira de Corme

Sábado de solidariedade na Praza da Ribeira de Corme, dende as 12.00 horas. Todo o que se recade no punto de recollida de doazóns —físicas e económicas— servirá para axudar aos afectados pola dana en Valencia. Baixo carpa, con servizo de foodtrucks e ademais sorteos todo o día, irán pasando pola localidade máis dunha ducia de actuacións, entre elas as de Xisco Feijoo, Feral Booty, O Pau ke Vira, Hablo Pablo, Marmo Trazos, Sophie Simonds ou Los Jinetes del Trópico. Ao peche, jam session, posta en común. Colabora nesta cita o Concello de Ponteceso e promove un mozo ben entregado á causa, Aarón García Sueiro, de tan só 16 anos de idade.

Ensinar xogando, en Ponteceso con Cultura Permanente

Hoxe • O colectivo Ponteceso Cultura Permanente preparou un ramo de propostas para esta fin de semana longa. Todas chegan baixo o programa Próxima estación Pondal-Ponteceso: Vía Cultura, e a primeira foi o concerto de onte a cargo de Clara Amado. Hoxe serán protagonistas as nenas, que terán ao seu dispor un taller na biblioteca municipal (11.00 horas), impartido por Ana Barja: Ensinar xogando. Mañá será de novo quenda para a música, co concerto do cuarteto de corda Fua, ás 18.00 horas na Praza do Recheo. A maiores, pode visitarse no bar O Cruce unha exposición de Isabel Soutullo, coristanquesa: natureza, igualdade de xénero...


Comentar