A do Correndo en Vimianzo, unha familia unida polo Nadal
Carballo
Entregáronse premios e coñecéronse os detalles da décima edición para o 2025
14 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Faltaba espazo na Casa da Cultura de Vimianzo para recibir a toda a familia do Correndo pola Costa da Morte, que festexou coa xa tradicional gala de clausura o peche da novena edición do circuito de carreiras. Foi unha emotiva e alegre celebración do deporte e da compaña, con música para endulzala e o agradecemento da Asociación Española Contra el Cáncer para darlle o carácter solidario.
O espectáculo arrincou coa actuación de Laura Ozón e Sofía Castiñeira, alumnas da Escola de Canto local, que deron paso a Terio Carrera, responsable un ano máis de conducir o acto. Alí estaban presentes xa alcaldes e concelleiros das dez localidades polas que xa correran os presentes: Camariñas, Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Zas, Carnota, Cee, Muxía, Corcubión e Fisterra. Tamén o deputado de Deportes, Antonio Leira. Tras un vídeo que tratou de resumir esta edición, tocoulle subir ao esceario ás 89 persoas que completaron as dez probar para recoller a súa medalla «Finisher». De seguido subiu Pablo Alvite en representación da clínica Podología Miguel, que sorteou entre os presentes tres vales para diferentes estudos do pé.
Alcaldes, alcaldesas e xerentes das entidades colaboradoras foron entregando os premios aos vencedores en cada categoría, con protagonismo para os campións e campioas. Anxo Lado (Vimianzo) e Eva Formoso (Muros), que releva a súa irmá Ale, foron coroados como rei e raíña da curta distancia (3K), mentres que Tina Fernández (Muros) e Alejandro Pardo Bello (Carballo) colleron, aínda que non estiveron presentes, o cetro da longa (10K).
Tras unha nova actuación musical, esta a cargo de Sabela Castiñeira, alumna tamén da escola local, chegaron os premios especiais. Galiozono System e a Policía Local levaron os galardóns a «Patrocinio Deportivo» e «Colaboración co Circuito». Creou ademais a organización o premio «Compromiso co Circuito» para condecorar a Sole Yebra e Claudia Otero. A primeira é de Astorga, pero correu as dez carreiras. A segunda, traballadora en Barcelona, estivo en 17 das 20 probas nas últimas dúas edicións.
A pontecesá Daniela Novo Garrido, que participou na maioría das probas pese a padecer Síndrome de Rett, recibiu unha das grandes ovacións da noite e propiciu a imaxe máis fermosa cando, acompañada de seos pais, recolleu das mans de Sara Vieites o premio á superación, que leva o nome da ceense. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez concedeulle tamén un ramo de flores, mentres que Axuste Gráfico lle tiña preparado un agasallo ás dúas corredoras.
Cas dúas no esceario, subiron tódolos alcaldes para facer entrega a Javier Álvarez, vicetesoureiro do Consello Provincial da AECC na Coruña, dun cheque de 7.000 euros, o recaudado nesta edición ca fila 0. Son xa máis de 43.000 os que se levan destinado á loita contra o cancro dende o circuito comarcal.
«Sodes merecedores de todo isto por representar aos vosos clubs e concellos e ser un referente para tanta xente», resaltou o deputado de Deportes Antonio Leira. Fixoo despois de que dende a organización desvelasen quen será a nova madriña do circuito durante o 2025. Sara Vieites volveu recibir o agarimo de deportistas, autoridades e colaboradores ao recibir o relevo de Rocío Alvite e encheu de bágoas os ollos dos presentes co seu discurso. «Grazas aos meus pais, aos adestradores e a todos vós, que permitides practicar a miña paixón», sinalou a corredora ceense, afectada de cintura para abaixo por unha paralise. Tamén houbo tempo para presentar a camiseta da décima edición, deseñada por Rebeca Facal, e o calendario.
Antes de rematar, desvelouse o que será o himno do próximo ano, editado por Suso Méndez coa voz de Laura Añón e que pretender ser un impulso para que as mulleres participen neste circuito. «Celebramos moito máis que unha competición, pois isto reflicte o espírito da Costa da Morte: esforzo, solidaridade e comunidade», concluiu a alcaldesa Mónica Rodríguez antes de agradecer o «moito traballo»dos técncios de Deporte, que recibiron a súa merecida homenaxe como principais promotores deste evento.