La Voz de Galicia

Ilustracións e estrofas de Labarta Pose no calendario do Concello de Zas para o ano 2025

Carballo

O Concello dedícalle o almanaque do vindeiro ano, no que se conmemorará o centenario do seu pasamento

20 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Enrique Labarta Pose é o protagonista do almanaque que o Concello de Zas deseñou para o 2025. Cada ano o calendario municipal presenta unha temática diferente, explica o alcalde, Manuel Muíño, e nesta ocasión decidiuse que estivese centrado no autor baiés para conmemorar o centenario do seu pasamento e para seguir poñendo en valor a súa figura.

Consta de 13 follas, e cada mes vai acompañado de coidadas ilustracións e de diferentes estrofas de Labarta: un fragmento do poema Defensa das Mulleres en marzo, uns versos de denuncia á violencia machista en novembro ou referencias a festas ou acontecementos como o Carme do Briño, a feira de Berdillo ou a Festa da Patroa de Tabeirón.

Para maio, mes no que el faleceu, escolléronse unhas estrofas do poema Que me enterren aló, no que o autor pide que lle dean sepultura no seu pobo. «Un desexo que non se puido cumprir, pese aos esforzos do Concello», sinalan dende o consistorio.

CONCELLO DE ZAS

O almanaque, apunta Muíño, «é froito dun minucioso traballo realizado pola Concellería de Cultura a través da técnica de Xestión Cultural, co asesoramento dos membros da Comisión Labarta Pose».

Nos vindeiros días terá chegado xa a tódolos domicilios dos máis de cen núcleos de poboación de Zas, unha tarefa de reparto da que se están encargando traballadores municipais.


Comentar