O entroido xa pide paso no Couto e Berdillo
Carballo
Monte Branco, xunto coa Fundación Pondal e A Casa da Muller, promove un concurso de coplas
15 Jan 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Non acabaron aínda de todo os actos programados con motivo do Nadal —particularmente en Zas e en Malpica—, mais noutros puntos da Costa da Morte, o entroido xa pide paso, malia que aínda falten unhas semanas: o martes central será o 4 de marzo.
Para exemplo, unha nova edición do concurso de coplas convocado dende as entidades Monte Branco, Fundación Pondal e Casa da Muller de O Couto (Ponteceso), co apoio de varias Administracións. A iniciativa ten como obxectivo «revalorizar, cultivar, difundir e/ou promocionar os nosos costumes, crenzas e tradicións a través das coplas de entroido, como un elemento importante da nosa cultura e recuperando unha tradición dos anos noventa», trasladan. O concurso ten unha persoa homenaxeada cada ano, personalidade destacada da vida cultural de Ponteceso: a deste 2025 será o malpicán Xelucho Abella (1945-2024), teólogo, filósofo, político, docente e escritor. Sempre implicado coas causas culturais, e coa asociación Monte Branco tamén, que así lle traslada o seu agradecemento.
Como participar
As persoas interesadas en participar no certame de coplas deberán presentalas entre o 17 de xaneiro e o 17 de febreiro —ás 00.00 horas—, enviándoas por correo electrónico a asociacionmontebranco@gmail.com. Cada participante poderá achegar unha única proposta, con mínimo de seis estrofas de catro versos cada unha e máximo de doce. Todas as letras han de ser inéditas, e unha das coplas, polo menos, deberá versar sobre Xelucho. Integrarán o xurado tres persoas «de recoñecido prestixio no coñecemento da literatura popular», e a súa decisión será comunicada na última semana de febreiro, con entrega de galardóns o 9 de marzo. Tanto o primeiro premio como os accésits, que serán dous, estarán integrados por lotes de produtos galegos.
Coas Letras Galegas dedicadas ás cantareiras, no ano da poesía popular, O Couto segue afianzando o seu traballo a prol dela. Xa vén de vello.
Cocido e moito máis
O sabor doce do roscón de Reis aínda segue nos padais de máis dun fogar, mais as potas xa comezan a ferver para os cocidos. «Non queremos agardar máis para celebrar o noso gran Antroido», publicou por exemplo a asociación Arume nas súas redes. Así é que as asociacións de Berdillo lanzaron unha intensa convocatoria para o sábado 1 de febreiro, nas pistas polideportivas, con carpa pechada e climatizada.
O grupo laxense O Tren da Unha, animado donde os haxa e en Berdillo sábeno ben, ocuparase da sesión vermú, con entrada libre. Virá logo un xantar a base de cocido, con aforo limitado e previa reserva con data límite no 29 de xaneiro: pode facerse no San Lorenzo, no bar Chucho do Allo, no 1909 e no centro social. Os adultos pagarán 38 euros, e os menores de 12 anos, 16 (de balde nenos ata cinco anos). Para a tarde-noite programaron un baile de entroido igualmente con entrada libre, amenizado polo trío Puzzle, DJ Frankstone e discoteca móbil Impacto.
No caso de que alguén quede con dúbidas ao respecto desta cita carballesa, pode empregar o 669 905 711 para resolvelas. A preparar bandullos!