La Voz de Galicia

Noite de estrea en Caión, segunda cita de Teatro con Salitre

Carballo

La Voz Carballo/ La Voz

Buscas plans para a fin de semana? Aquí os tes todos, ou case todos, concentrados para escoller 

14 Mar 2025. Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • A cuarta edición do ciclo Teatro con salitre, programado polo Concello de A Laracha dende a vila de Caión, continuará esta noite coa segunda das tres paradas previstas, e non unha calquera, senón nada menos que unha estrea. Ás 21.00 horas, con acceso libre e de balde, A&Z Producións ofrecerá no escenario do centro sociocomunitario —o edificio da balea— a obra A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor. Trátase dunha peza escrita e dirixida por Alejandro Albaiceta, actor, guionista, actor de dobraxe, dramaturgo e director. Nesta obra tamén subirá ás táboas, interpretando o papel do marido asesor, mentres que o de limpadora correrá a cargo de Silvia Lorenzo e, o de psiquiatra, de Nanda Tasende. Albaiceta presenta a proposta como «traxicomedia» e acae moi ben no contexto do 8 de marzo, Día da Muller, en tanto que é tamén unha homenaxe «a todas as mulleres sinxelas que, con poucos estudos e recursos, levan as súas familias adiante». É, tamén, un tributo á madrasta propia, «sen deixar de ironizar sobre a manía que tiña coa limpeza e a preocupación constante polo que dirán».

Sinopse

A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor parte dunha pregunta: Como sería que unha muller destas características tivera que matar a alguén por obrigación? Como o faría? Quizais o que máis lle preocuparía sería o porco que quedase todo? Enfronte dela, como posible vítima, o autor situou a unha muller oposta, unha licenciada en psiquiatría de familia acomodada que viviu sempre nun grupo social elitista e que, despois dunha crise existencial, decide romper co seu home «asesor» e o seu entorno privilexiado. Farao para descubrir que nada diso poderá facer sen consecuencias. «Ambas mulleres, ao enfrontarse unha á outra, descubrirán que só polo feito de ser mulleres, teñen máis en común do que pensaban. Aínda así, pode que non chegue para plantar cara e facer fronte común ao patriarcado imperante», traslada o programa de man desta comedia feminista. A&Z estrea en Caión por un motivo ben especial, e é que, xunto á colaboración de Xoque Carbajal, da compañía Malasombra, tiveron tamén a do Concello da Laracha, cedéndolle o espazo do centro sociocomunitario para os ensaios desta última semana, nunha especie de residencia. A&Z é unha empresa de eventos dedicada tanto á produción de obras de teatro como a eventos artísticos, con Albaiceta como cabeza visible.

ANA GARCÍA

Dobre parada de «Un deus salvaxe», de Talía Teatro: Carballo e Vimianzo

Hoxe (Carballo) e mañá (Vimianzo) • Logo da estrea en Cee, vila de fundación, Talía Teatro chegará hoxe aos Venres Culturais de Carballo coa súa obra máis recente, Un deus salvaxe. Unha cara oculta da sociedade nun texto de Yasmina Reza adaptado por Artur Trillo e que parte do enfrontamento de dous nenos nun parque. Poderá verse no Pazo da Cultura ás 21.00 horas, con entrada a 7 euros (4 con dereito a bonificación). Esta mesma función poderá verse o sábado en Vimianzo, no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 20.30 horas. Neste caso o custe da entrada é de 5 euros, e pode adquirirse de forma anticipada en woutick.es, ou ben dende unha hora antes do inicio do espectáculo, xa na billeteira.

ANA GARCÍA

A soprano Soledad Vidal en Arteixo e cita co Curruncho Pop en Carballo

Ademais daquelas festas de entroido onde tamén haxa baile, serán cando menos dúas as citas musicais da fin de semana na comarca. Unha delas, hoxe mesmo, no auditorio do centro cívico de Arteixo, onde a soprano Soledad Vidal, nacida en Camelle, ofrecerá o recital Cantares Atlánticos. Estará acompañada ao piano por Aurelio Viribay, con entradas á venda a 4 ou 3 euros, para público familiar. Aqueles que non a poidan gozar hoxe terán a oportunidade de facelo na Mostra do Encaixe.

Para mañá quedará unha nova parada do Curruncho Pop na biblioteca Rego da Balsa de Carballo, ás 19.00, con acceso libre. Primeiro, a presentación do libro The Byrds: más jóvenes que ayer e, despois, concerto de Os Birdiños. Tributo ao grupo americano da man de Fernando López, autor da obra. Promove a área de Bibliotecas.

Actos en torno ao 8 de marzo en Cee, Corcubión, Fisterra, Camariñas e Muxía

Xa hai uns días que pasou o 8M, Día da Muller, mais na comarca seguen os actos de conmemoración. En Camariñas, este sábado, haberá un pleno extraordinario (12.00 horas) para nomear a rúa Silvia Lijó, tributo en vida á súa traxectoria e loita pola igualdade. Os Concellos de Cee, Corcubión e Fisterra, doutro lado, implícanse co CIM nunha andaina que partirá ás 10.00 horas dende Fisterra, Sementando igualdade. Tamén o sábado. Hai buses gratuitos para o punto de arranque dende Cee (estación, 09.00), Corcubión (09.15, praza Castelao) e Sardiñeiro (09.30). En Muxía, o BNG promove, igualmente para este día 15, Recuperemos as mans: recoñecemento a veciñas do municipio, ás 20.00 no Salón do Voluntariado. En Cee, o BNG promove para as 19.30 un tributo a elas mediante letras: Concha Blanco, Guadalupe Vázquez, Rocío Leira e Junquera López.

Cocidos e festas para ir espelindo a tristura da despedida do entroido

Ata que bote o peche marzo seguirá habendo cocidos e festas de entroido na Costa da Morte, e para mostra tres convocatorias este sábado:

Lemaio (A Laracha) • No campo da festa, baixo carpa, segundo Cocido Carnavaleiro organizado pola comisión de festas de Lemaio (A Laracha). Sesión vermú ás 13.30 e posterior xantar coa Pulpeira Luís Guerra, ademais de tarde amenizada por Begoña García e demais. Consulte se aínda queda dispoñibilidade no 613 186 658.

Noicela (Carballo) • Promove a comisión de festas esta segunda Festa do Cocido, no cámping Baldayo, sábado a mediodía. Música e sorteos.

Cances (Carballo) • Cumpre 25 anos o Entroido da asociación San Campio, tanto como a entidade. Este sábado, ás 20.00, no local social.

Rodrigo CostoyaSandra Alonso

Socialización, natureza, baile e tamén algo de literatura no adeus da semana

«Medrando xuntas» • Este sábado, ás 18.00, na Capela do Pilar de Corcubión. Xornada de apoio mutuo entre familias, promovida pola plataforma Reiseñores NEE/NEAE.

Limpeza da praia de O Rostro (Fisterra) • O domingo, ás 11.00, con Mar de Fábula. Inscríbase no 608 609 042.

Primavera en Ruta • Este sábado 15, a asociación Senda Nova presentará a 16.ª edición deste seu ciclo de andainas: 12.00, Espazo da Natureza de Oza, en Carballo.

Baile para maiores • En Zas, este sábado, con Marieta, ás 19.00. En Carballo, o domingo ás 18.00, no mercado municipal e a cargo de Rocío Pérez.

Presentación literaria • No hotel Bela Fisterra, o domingo, ás 13.00 horas: O século do milagre, de Rodrigo Costoya. Coma sempre, gratuíto.


Comentar