O que foi
Carballo

24 Mar 2025. Actualizado a las 08:58 h.
Na última etapa da súa longa vida, miña bisavoa lembraba bastante ben os seus anos de nova. E como a ela lle gustaba contar e a min escoitar, fun aprendendo nomes e historias de herbais e camiños e de leiras moi próximas. Eu, que literalmente nacín coa parcelaria, teño a ben saber moitos nomes de cachos de terra que desapareceron coas máquinas. Pequenos espazos que, por sorte, resisten na nosa memoria como se fose unha realidade aumentada, máis ou menos como poñer unhas gafas especiais cando miras cara o rego da fonte ou o prado da Carula ou da Trigueira.
Aínda que teña diante de min unha finca de dez ferrados limpa, máis ou menos sei como se chamaba aquel cornecho ou este campo ou aqueles mirtos. E sen telo vivido, algo que tamén lles pasa aos descendentes dos emigrantes en América que tanto lle escoitaron aos pais falar do seu lugar de orixe (nunca usamos a palabra aldea: é o lugar) e poderían moverse con el. Non era o caso, pero esa transmisión oral, como se fosen cantigas ou lendas, parecía que estaba planeada no estilo dun último berro seco para a permanencia de denominacións que tiveron unha intensa vida durante séculos, e que agora se van perder para sempre. Como depositarios sen querelo. Unha Galicia nomeada da casa, da corte. Ás veces, cando transito física e mentalmente por camiños que xa non hai, pecho os ollos e érgome unha visión cenital que xa lle gustaría tela ás fotos do voo americano do 56, por outra parte cruciais para entender un mundo que xa non existe, pero que tiña un sentido vital e racional extraordinario. Esta si que é historia, a nosa, a de cada un. E non volve.