La Voz de Galicia

A innovación dende o colexio: unha máquina recicladora que funciona cunha bicicleta

Carballo

La Voz Carballo / La Voz

Ecovoz 2025 | O centro Santa Apolonia, en Santiago, é un dos referentes do programa Voz Natura

07 Apr 2025. Actualizado a las 05:00 h.

A mediados dos 80, Charo Medina e Armando Barbazán puxeron en marcha en Santiago un colexio que antes de ter educación Infantil, Primaria e Secundaria, tiña un ciclo formativo de protésico dental. De aí o nome, Santa Apolonia, patroa dos dentistas. Non obstante, a identidade do centro quixérona dirixir dende o inicio a unha relación moi estreita ca natureza.

Nun primeiro momento foi a hípica ese fío de conexión, pois Armando era amante desta disciplina. Pero a evolución e o crecemento do colexio converteríano despois nun dos referentes do programa Voz Natura. «Co paso dos anos, comprobamos como na práctica é beneficioso para os rapaces que a educación teña relación co entorno onde se desenvolve», explica Jesús Couso, Kechu, mestre de infantil e coordinador dos proxectos que se fan ao abeiro de Voz Natura.

«Temos unha granxa escola na zona de Negreira, e no propio centro temos cabalos, galiñas, gatos e cans. Temos un invernadoiro tamén e estes días aínda estivemos botando patacas. Son proxectos doutros anos que imos mantendo, tamén plantacións de árbores», comenta o docente.

Unha das últimas ideas deste centro foi a creación dunha máquina de reciclaxe: «Démonos conta de que se nos rompían continuamente as palas de plástico, así que buscamos a maneira de crealas nós», indica Kechu. Entre os alumnos de Infantil, Primaria e Secundaria foron xurdindo ideas e propuxéronse fabricar unha especie de máquina recicladora de plástico, pois ese debería ser o primeiro paso. Logo de moito investigar, atoparon a solución: unha trituradora que funciona a través dunha bicicleta, cun sistema de cadeas que se pon en marcha cando alguén pedalea. Xa leva un ano funcionando, mentres agora intentan crear uns moldes para reutilizar ese plástico.


Comentar