La Voz de Galicia

Fodechinchos

Camariñas

Natalia Lema Otero

16 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Odio ese termo pexorativo que inunda en verán as redes sociais, praias e rúas. Fodechinchos. Resúltame anodino, carente de significado coherente. Din que o termo xorde cando a xente do mar lle deixaba coller peixe da rede aos turistas, ata que confundiron a xenerosidade coa cobiza e marchaban cargados coma se viñesen dun saqueo improvisado. Está claro que non hai nada gratis. Se resulta selo para ti é porque outra persoa está a pagar o prezo en forma de suplido. Iso non é hospitalidade.

Venme á cabeza o letreiro dun bar de Camariñas de nova creación, pero consolidado. Nun cartel ben grande na entrada pon: este bar non é un chiringuito de praia, por favor vístete para entrar, non o fagas descalzo ou en biquini. Paréceme xenial que non claudique este local ante os desexos de catro turistas maleducados e que se defina así, coma un negocio que se debe aos seus clientes de sempre.

Eu creo que ten que existir o equilibrio perfecto entre a vida natural das vilas e o turismo, que unha cousa non pode eximir á outra. De cando en vez, esquecemos que por moito que esteamos de vacacións, os lugares teñen os seus propios ritmos e normas, e que os habitantes autóctonos teñen unha vida cotiá.

O turismo é unha parte fundamental do produto interior bruto do noso país, pero non se pode concibir o mundo dende a perspectiva da colonia. Vivir é deixar vivir. Respectar os lugares por onde se pasa é o maior legado de conservación que se pode deixar na nosa visita. Nada de deixar pintadas na Praza do Obradoiro nin epístolas románticas que quedan obsoletas por moi cinceladas a pulso que estean.

Non hai amor que cen anos dure nin pena tan grande que o corazón encha. Nin máis nin menos.


Comentar