La Voz de Galicia

Unha herdanza coa forma das palabras

Cerceda

Ramón Vilar Landeira

«¿Pero quen eran aqueles informantes? Pois a inmensa maioría labregos e mariñeiros, xente anónima á que ninguén consultara nunca para nada e que de súpeto comprobaron abraiados como o seu saber era de interese para a universidade»

17 Apr 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Na posguerra o idioma galego desapareceu literalmente da vida política, social e cultural. Ata 1947 non se publicaría o que os expertos consideran a primeira obra de certa entidade: Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño. Tres anos despois, na cidade de Vigo, un grupo de intelectuais galeguistas, encabezados por Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Illa Couto e Gómez Román fundan Galaxia, a decana hoxe das editoriais en lingua galega.

Aquel proxecto tiña nos seus inicios moito máis de activismo cultural que de empresa ao uso. Como se dun apostolado se tratase, a xente de Galaxia non dubidou en percorrer as comarcas do país, de feira en feira. Así moitos libros chegaron a casas onde había pouca ou nula tradición lectora. No faiado da nosa, por exemplo, apareceu unha pequena xoia do 1952, que aínda gardo como un dos meus libros máis queridos. É unha primeira edición de Por os vieiros da saudade: Lembranzas e crónicas de un viaxe a Buenos Aires, de Otero Pedrayo

En 1965 a Universidade de Santiago de Compostela creou a primeira cátedra de Lingua e Literatura Galega, que gañaría o recoñecido profesor Ricardo Carvalho Calero. A materia estaba incluída dentro da licenciatura de Filosofía e Letras. Aquilo foi un fito. Seis anos despois, a mesma universidade daría un paso decisivo para o estudo e promoción do noso idioma creando o Instituto da Lingua Galega (ILG).

Un dos primeiros proxectos daquel novo ente universitario foi o de crear un Atlas Lingüístico Galego, que pretendía recoller e describir a riqueza e as diferentes variacións xeográficas do galego moderno. Así, entre 1974 e 1977, tres investigadores do ILG (acabarían sendo os tres membros da Real Academia Galega) percorreron toda Galicia e tamén zonas galegofalantes de Asturias, León e Zamora. Foi un inxente traballo de campo con centos e centos de horas de gravacións e cuestionarios aos que responderon informantes de todas as comarcas do país. Aquel proxecto, un paso xigantesco para os estudos filolóxicos galegos, permitiu establecer zonas dialectais e, sobre todo, coñecer moito mellor o idioma propio.

¿Pero quen eran aqueles informantes? Pois a inmensa maioría labregos e mariñeiros, xente anónima á que ninguén consultara nunca para nada e que de súpeto comprobaron abraiados como o seu saber era de interese para a universidade. En total estudáronse 167 puntos xeográficos, dos cales once corresponden a concellos que abrangue a edición deste xornal.

Na comarca de Bergantiños, os investigadores entrevistaron en 1975 a Generoso Martelo Rodríguez, de Barizo (Malpica); a Ovidio Patiño, Sergio Iglesias e Francisco Mato, na parroquia larachesa de Caión; a varios veciños dos que non constan os nomes en Cospindo (Ponteceso); a José Pose Lema, de Traba (Laxe); e a Cipriana Reino Vilanova, de Sísamo (Carballo).

Na de Soneira gravaron a Ovidio González Suárez, de Bamiro (Vimianzo) e a Manuel Carril Fernández, de Xaviña (Camariñas). Na de Fisterra contaron coa axuda de Teresa Méndez e Amable Romero, de Moraime (Muxía); coa de Gerardo Outes Baña e María Outes Hermida, de Salgueiros (Dumbría); e coa de dous homes dos que non temos nome que eran veciños da parroquia fisterrá de Duio. Por último, no municipio de Cerceda, pertencente á comarca de Ordes, tamén contactaron con Pedro Castro Vázquez, do lugar do Carballal (Rodís).

É posible que 40 anos despois xa non quede ningún daqueles informantes. O texto de hoxe só quere ser un pequeno tributo á memoria de todos e todas elas, que sen sabelo axudaron a deixarnos unha herdanza con forma das palabras.


Comentar