La Voz de Galicia

Finou José Antonio Regueiro, «Tabe», baixista do grupo de rock cercedense Zënzar

Cerceda

O músico, veciño de Meirama, fora tamén un dos fundadores de Átomo

03 Nov 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Comentaba onte Xosé Bocixa, líder de Zënzar, que José Antonio Regueiro Tabeayo, Tabe, «foi unha persoa independente, libre, que viviu a súa vida sen importarlle o que dixeran os demais, e sen molestar a ninguén». O baixista do grupo cercedense, decano do rock galego, morreu onte aos 52 anos de idade despois de loitar durante varios meses contra un cancro.

Tabeaio, veciño de Meirama, foi un dos fundadores de Átomo, o xerme de Zënzar. A mediados dos 80, como recorda Bocixa, a banda comezou a ensaiar no almacén da estación de ferrocarril de Meirama. A raíz do traballo dos pioneiros, Tabe e Silveira, e froito da fusión con outros músicos de Cerceda, naceu Mordor. «Tivemos que cambiar o nome porque cando fomos ao festival da Tralla, en Malpica, tocaba un grupo que se chamaba igual», lembraba onte o vocalista.

A pesar do seu estado, permaneceu con Zënzar ata hai poucas semanas. Acudía aos ensaios e desprazábase coa banda aos concertos. Di o líder do grupo que «era unha persoa moi querida por todos os que o rodeaban. Pasou con nós todo o tempo que puido».

O seu último concerto foi en decembro de 2015, en Ourense, xunto a Ruxe Ruxe. Nos últimos meses, e debido ao seu delicado estado de saúde, Laura Romero ocupou o seu lugar no baixo.

A banda, que compartiu onte a lutuosa nova a través das redes sociais, recibiu numerosas mostras de cariño por parte dos seus seguidores.


Comentar