Alumnos do CPI O Cruce de Cerceda, virais polo seu uso do verbo «tar»
Cerceda
Rapaces de terceiro da ESO protagonizan un dos vídeos do espazo DígochoEu, conducido por Esther Estévez
05 Apr 2024. Actualizado a las 19:30 h.
En tan só unhas horas acadou máis de 100.000 visualizacións en TikTok e máis de 80.000 en Instagram, ás que hai que sumar as de YouTube, Facebook, X, WhatsApp ou a propia canle televisiva da TVG. As redes sociais foron o perfecto mecanismo expansivo este mércores 3 de abril do vídeo Tamos moi contentos no CPI O Cruce de Cerceda, unha produción do alumnado deste centro da man do programa DígochoEu, conducido pola presentadora Esther Estévez.
Rapaces de terceiro da ESO explican nesta peza o moito que usan o verbo «tar» en situacións cotiás: así, din «xa tou», «taba estudando», «tas tolo» ou «ta claro». Eles mesmos se encargan de explicar por que: «É unha aférese, unha evolución natural da lingua coa que se eliminan fonemas ao principio dunha palabra». Certamente é iso, mais tamén «un símbolo de identidade». Este uso acurtado do verbo «estar» dáse en moitos lugares de Galicia —tamén na lusofonía— e ten con Cerceda e toda a comarca de Bergantiños unha relación especial, dado o seu uso maioritario.
O vídeo é o resultado da idea enviada polos estudantes de O Cruce ao programa DígochoEu, a través do seu profesor Nel Vidal, extécnico de normalización lingüística de Carballo. Estévez tamén mantivo o día da gravación —13 de marzo— un encontro con rapaces de primaria e mesmo foi entrevistada na radio do centro. Protagonizan este traballo Noelia Castro, Iria Dubra, Aroa Rey, Olivia Lamas, Celia Bello, James Eghosa, Antía Porto, Saúl Pardo, Reynald Silva e Paula Castro.