Vin polo aire
Coristanco
10 Jun 2022. Actualizado a las 09:12 h.
En xullo do 96, hai por tanto case 26 anos, un matrimonio de emigrantes de Coristanco que levaba dende 1968 en Neuchatel (Suíza), aterraba co seu ultralixeiro no aeródromo de Castriz, ao lado do monte das Salgueiras. Viñeran de vacacións facendo escala por Estrasburgo e con certa tranquilidade, como ten que ser con estas máquinas. Aquel feito pasara relativamente desapercibido, como unha anécdota amable, pero a min sempre me pareceu de moita admiración, e diría que algo así non se volveu a repetir. As curiosidades aeronáuticas non calan, como non teñas unha foto nun bar dalgún bombardeiro americano derrubado nas praias da zona. Aquel militar portugués que bateu co seu caza nunha leira de Lestimoño en maio do 50, o Aviocar militar que tivo a sorte de atopar a area de Razo para buscar unha pista alternativa, aló polo 2003; aquela avioneta que foi bater ao Rostro e deu unha volta de campá en agosto do 79, cando voaba de Porto a Biarritz... Parecen episodios de realidade máxica, fóra de contexto, de tempo. Coma as viaxes do zepelín. Miña bisavoa contaba que vira un «globo grande» sendo xa moza, e eu sempre pensei que fora o zepelín alemán que en 1929, vindo de América, entrara por Vilán cara A Coruña, do mesmo xeito que sei que o canteiro que nos movía o cabazo non veu un día a traballar porque preferiu ir ver un Douglas Invader na praia de Traba, caído en 1944: tanto se correra a historia que non paraba de chegar xente. Son pequenas memorias que van tecendo un relato aeronáutico comarcal. Ás veces, coma onte, penso nelas cando vexo os avións de AFN voar sobre Carballo ou Zas: neles van os nosos futuros pilotos.