Adriana Trillo: «Ser a única muller na división de enerxía de Xeal nunca foi un obstáculo»
Dumbría
Día da muller | Testemuñas | Pese á súa xuventude, Adriana é dende hai ano e medio adxunta á dirección da división de enerxía de Xeal
09 Mar 2024. Actualizado a las 05:00 h.
«Son moi partidaria da meritocracia, de que se se valora a alguén, que sexa con independencia do seu xénero». Pese á súa xuventude (ten só 28 anos), a ceense Adriana Trillo Montero é adxunta á dirección da división de enerxía de Xeal. Enxeñeira química pola Universidade de Santiago, entrou na compañía hai apenas tres anos, cando decidiu deixar a capital española tralo covid. «Estudei dous mestrados en Madrid e despois estiven nunha multinacional, participando en proxectos internacionais, pero logo da pandemia dinme conta de que precisaba aire», bromea a moza.
Xurdiu a oportunidade de regresar á súa comarca natal, e ao ano e medio de entrar no departamento de automatización e control, a compañía confioulle un posto de responsabilidade. «Estou moi agradecida, porque me apoiaron moitísimo, a pesar de ser tan nova. Nunca dubidaron de min, nin por cuestión de xénero nin por idade», explica Adriana.
Engade que é a única muller na división de enerxía, pero que iso «nunca foi un obstáculo» no seo do equipo que integra. En algunha ocasión, en reunións con xente «externa», si teñen cuestionado o seu papel, mais non entre os seus propios compañeiros. «Cada vez somos máis as mulleres que eliximos o camiño da industria, e creo que é algo que hai que visibilizar: hai que normalizar a presenza feminina en plantas de proceso», di.
Respecto á captación e retención de talento, xa sexa masculino ou feminino, considera que as compañías deberían ter en conta cuestións como a flexibilidade horaria ou o teletraballo. «Se non se adaptan ao mercado, van quedar atrás», sinala Adriana.