«Todo se baseaba en conxeturas mesturando diversas conversas»
Fisterra
O edil exculpado da operación Orquesta di que, se houbo irregularidades, foron nimias e administrativas
18 Dec 2016. Actualizado a las 05:00 h.
José Manuel Traba Fernández (Fisterra, 1966) acaba de quedar exonerado de calquera responsabilidade penal no longo procedemento da operación Orquesta, á vista das peticións da Fiscalía. Ocorre iso case seis anos despois de que comezase a espectacular operación policial e tamén o inicio da longa instrución. Daquela era o alcalde, o hoxe é o líder da oposición.
-¿Temeu nalgún momento que esta causa lle poidese acarrear consecuencias penais?
-Ata que se levantou o segredo do sumario sempre tes dúbidas, porque aínda que poidas intuír por onde van os tiros, baseándose o mesmo en conversas telefónicas, nunca sabes o que podan falar de ti outras persoas nas súas conversas privadas e en que actos te poidan incriminar. A partires desa data xa aprecias que todo se baseaba en conxecturas mesturando unhas conversas con outras ata dar unha aparencia de que se estaban a cometer actos delictivos.
-¿Admite que se puidesen cometer irregularidades administrativas na súa xestión?
-As irregularidades das que se fala son nimias e do ámbito administrativo, que non comprometen a xestión nin a consecución correcta das obras. As obras investigadas eran pequenas, creo que todas en base a subvencións, polo que a súa fiscalización estaba garantida polas Administracións que as subvencionaban. As outras eran o campo de fútbol á que se presentaron sete empresas e adxudicouse á máis vantaxosa. E a máis custosa, a do bombeo de Sardiñeiro, que era de Augas de Galicia e o Concello non tiña nada que ver na súa contratación, pero puxérona no lote sen o menor rubor.
-¿Que é o máis duro de estar involucrado en algo deste tipo?
- Esa sensación que se pode ter cando che sobrevén unha enfermidade e pregúntaste: ¿por que a min? Xunto co sufrimento do teu entorno, e o sementar dúbidas nalgúns que saben da túa forma de ser e que te coñecen e que pensan que algo farías.
-¿Cre que a actuación policial e xudicial foi proporcionada aos feitos investigados?
-En absoluto. Nese momento xuntouse a fame coas ganas de comer, con nomes e apelidos, e organizaron a tormenta perfecta. O que si quero agradecer o trato correcto, e incluso comprensivo, ou incluso cabreado, de varios axentes da Policía Nacional que parecían desconformes con semellante despregue.
-¿Mantivo ou mantén algún tipo de relación económica coas empresas que traballaban para o Concello?
-Os que me coñecen saben que nin sequera levo o meu coche aos talleres que facturen para o Concello.
-¿Houbo algunha persoa que o decepcionase nestes cinco anos de procedemento?
-Por suposto, incluso dos medios (risas). Pero procuro sempre poñerme na situación do outro e non sei se eu tamén actuaría así. Realmente, un, que está acostumado á vida pública, sabe que en moitas ocasións as críticas son conxunturais, e o que valora é a verdadeira amizade.
-¿Cre que puido haber influencia política dalgún tipo en como se desenvolveu o proceso?
-O entorno mediático que se xerou, o despregue, e quen eran os responsables políticos con cargos en determinados ámbitos dá que pensar. Dos detidos, dous eramos deputados do PP, a semana das eleccións locais. Tamén hai que recoñecer que recibimos apoio dalgúns compañeiros alcaldes e deputados doutros partidos.
-¿Como valora a actuación do seu entorno e do PP en relación coa súa situación xudicial?
-Teño que estar agradecido aos compañeiros de partido. É certo que na revoltiña política que existe en torno á corrupción non é fácil recibir apoios, pero afortunadamente tiña, e teño, moi boa relación con moita xente e confiaron en min e no meu equipo. O largo aplauso dos membros da directiva provincial, composta por todos os alcaldes e portavoces da provincia e os altos cargos das Administracións, que coincidiu o mesmo día en que se coñeceu o auto, e a sensación de alivio que se xerou, transmítenche unha sensación de aprezo por parte dos compañeiros e cargos do Partido Popular, que che anima a seguir traballando.
-¿Chamouno algún cargo do PP ao coñecerse a resolución?
-Chamáronme moitos cargos o día que abandonamos o xulgado e os días sucesivos, que é cando máis o necesitas. Por suposto esta vez tamén, e teño que dicir que se amosaban incluso máis contentos que eu mesmo.
-¿Pensa que a operación Orquesta influíu nos seus resultados electorais?
-Ao principio pensaba que non, pois revalidamos a maioría absoluta, probablemente porque os veciños xa tiñan decidido o seu voto. O outro día comentando con varios alcaldes, se o analizas ben é certo que si puideron influír, porque é todo un mandato onde xa están as dúbidas sementadas e afecta. Pero tamén afectou ás persoas, que é o máis importante, ás familias, á imaxe do meu pobo, á do meu partido, e incluso ás arcas municipais, que van ter que pagar as minutas dos avogados dos cinco denunciados en vez de seren adicados a mellorar a vida dos nosos veciños.
-¿Séntese cómodo volvendo a traballos relacionados coa súa profesión de biólogo despois de todo ese tempo no Concello?
-Mentres estiven no Concello, os meus ratos de asueto na miña casa dedicábaos a unha das miñas paixóns, recompilar a historia de Fisterra, pero non deixei de lado a bioloxía mariña nin a xestión pesqueira e marisqueira. Por suposto aínda estou en fase de readaptación, porque o campo de actuación ao que me vou a adicar é máis de xestión.
-¿Como pensa continuar a súa carreira política? ¿Vai pelexar pola alcaldía nas vindeiras eleccións municipais ou aínda é moi cedo para dicilo?
-Seguindo as instrucións do presidente Feijoo, o Partido Popular en Galicia estase a reestruturar, e posiblemente en Fisterra, e na comarca, tamén. Proba diso é que o pasado xoves aprobamos as xestoras de Laxe e de Muxía. Cónstame que a intención, incluso vehemente, do presidente rexional e do provincial, é que me volva a presentar, pero aínda faltan trinta meses.
-¿Como valora o traballo que está a facer o actual goberno local de Fisterra?
-Hai unha máxima na política na que, se non queres ter problemas, non fagas nada, e aplícana polo libro, e este goberno cada vez se asemella máis ao de Carmena, onde o pouco que se aprecia non deixa de ser as ocorrencias que lanzan aos medios de comunicación, pero nin unha mala palabra nin unha boa obra. O comentario máis estendido polo pobo é que recordan ao tripartito, pero de dous.
-¿A que persoas lles comunicou primeiro a noticia cando tivo coñecemento da resolución xudicial?
-Unha vez que me chamou o meu avogado, Gutiérrez Aranguren, comuniqueillo como é lóxico e xusto aos meus compañeiros Santi Insua, Moncho Redonda e Manuel Carro, arquitecto. Xa pola tarde chamei aos meus pais, aos meus irmáns e aos meus amigos máis próximos.