La Voz de Galicia

José Antonio de la Riera: «A hospitalidade é o mellor boca a boca para o Camiño de Santiago»

Fisterra

V. Couto /  Carballo / La Voz M. López Carballo / La Voz
José Antonio de la Riera, no centro, durante a gala Turismo Fisterra. Á sua esquerda, Antón Pombo, autor do prólogo de «Camino de vuelta»

A viva voz | Segundo de la Riera, as rutas Xacobeas atravesan nestes últimos tempos unha «encrucillada» por mor da masificación e da imposición da cultura do ocio

06 Sep 2019. Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio de la Riera Autrán (Vigo, 1953) é unha das voces máis autorizadas no que ao Camiño de Santiago se refire. Fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño e da Fraternidade Internacional do Camiño, colaborou na investigación e sinalización de, entre outros, o trazado actual do Camiño Portugués en Galicia e da prolongación a Fisterra e Muxía. Tamén formou parte do comité executivo que levou a Fisterra, hai vinte anos, o V Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas.

De xeito máis recente, é un dos promotores da Vía Mariana Luso Galaica, un proxecto no que están involucradas ducias de asociacións e institucións de Galicia e Portugal para recuperar un antiquísimo roteiro que une as dúas rexións mediante os santuarios marianos do seu trazado.

Hoxe presentará no albergue Bela Muxía o seu último libro, Camino de vuelta, acompañado de Antón Pombo, autor do prólogo, e do xornalista Pepe Formoso. Disto falou en RadioVoz Bergantiños:

-Que conta en «Camino de vuelta», que presenta hoxe?

-É algo así como unha homenaxe a toda esa xente que dende hai máis de trinta anos traballou a pé de obra nos Camiños de Santiago. Xente altruísta que practicamente entregou a súa vida á causa, investigando e sinalizando os diferentes itinerarios, abrindo hospitais e albergues...

Estamos nun momento no que se nos presenta unha gran encrucillada, no que a masificación e a cultura do ocio o están a invadir todo. De aí este libro, no que resumo o «milagre» que foi o rexurdimento do Camiño de Santiago, tanto en Galicia como en toda Europa; e propiciado por xente como o párroco do Cebreiro, Elías Valiña. Vivencias, loitas, sorrisos e lágrimas destes máis de trinta anos.

-Uns inicios que, dende logo, non foron nada doados.

-Para nada. Lembramos, por exemplo, o que foi a promoción xacobea a Fisterra e Muxía no ano 1995. Non había absolutamente nada; non existía camiño nin se coñecía por onde ía. A finais dos oitenta o único albergue que había era a palloza do cura Elías Valiña, co chan de palla, no Cebreiro.

Foron comezos moi humildes, a ras de chan, e impulsados por xente que amaba o que facía. Quizais esa foi a clave do éxito, ese crecemento de abaixo a arriba, e non ao revés.

-Porén, acabaría converténdose en algo moi grande.

-Exactamente, e quizais iso daría a unha reflexión, e é que en moitos casos fanse cousas dende «arriba», a base de partidas orzamentarias. Pero fáltalles alma, espírito, unha base coral e colectiva da que partir.

-Hoxe mesmo presenta ese novo libro, e nun lugar ben simbólico para o Camiño de Fisterra.

-En efecto, ás sete da tarde e noutro lugar que é verdadeiro un exemplo de hospitalidade, como é o albergue Bela Muxía. Precisamente quixen facer a presentación nun albergue porque creo que é o elemento que mellor representa o camiño, unha das patas máis importantes. A acollida ao peregrino é algo que non se debe perder no Camiño. A hospitalidade é o mellor boca a boca que podemos ter.

Alí falaremos do que nos gusta, de como foron todos eses traballos de recuperación dos camiños e da alma que se puxo nel. Falaremos como se estivésemos todos sentados arredor do lume do lar, contándonos historias.


Comentar