La Voz de Galicia

Un libro recomendable

Fisterra

Xerardo Estévez
Parlamento de Galicia.

21 Dec 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Libro útil para lectores interesados en Galicia e no galeguismo, nuns momentos en que a palabra identidade ten significados distintos. Ramón Villares fai unha fermosa reflexión ontolóxica, comezando coa xeografía que nos separa con montañas medias e mil ríos que nos unen, con dous climas diferenciados e dous límites, as serras orientais e o poñente fermoso e interminable do litoral, co Fisterra como se fora unha atalaia que nos pon en contacto con todo o atlantismo.

A carón do territorio, o factor antrópico secular. Un señorío eclesiástico con auctoritas e potestas que se trataba con Roma e con media Europa, unha relación relixiosa, política e cultural que serviu para a configuración da nación-cultura, como sinala o autor; cunha nobreza que era a nosa pero amosaba comportamentos non tan nobiliarios; uns Reis Católicos non tan perversos, con pros e contras, unha problemática relación con Portugal, un sistema de tenza da terra, o foro, tamén con vantaxes e inconvenientes. En fin, un cúmulo de dualidades moi ben explicado en Galicia, una nación entre dos mundos, libro cheo de matices, que é o que interesa en tempos de extremismos impensados.

Fomos o que fomos ata que, por imperativo económico, a partir do século XIX decidimos baleirar medio país, emigrando masivamente co afán de deixar atrás unha pobreza, da que, por certo, non adoitaban falar os que se deixaban encantar pola beleza da paisaxe.

Desde hai corenta anos, pouco a pouco, fomos articulando politicamente a nosa identidade a través da autonomía, co desexo engadido de equipararnos coas outras comunidades históricas. A autonomía tivo a capacidade de integrar os que defendían a autodeterminación, sen deixaren de facelo. Creo que cando se escriba a historia dos nosos tempos se revelará como o factor de identificación máis importante desde a etapa xelmiriana.

Somos galegos, somos Galicia, non só polo que fomos e herdamos, senón porque somos quen de actualizar o pasado liberándoo de fábulas e mitos para que non sexa unha pedra de Sísifo que estamos predestinados a arrastrar ou a vivir de rendas, para non quedar no carácter simbólico do que nos gustaría ser aínda que non o fósemos; celtas, para o caso.

A mellor identidade é aquela que hai que seguir elaborando, incluso o que temos que deixar de ser, o que debemos corrixir. Por iso o libro do profesor Villares é recomendable para a política e os políticos, porque ser nación-cultura esixe esforzo no equilibrio territorial e económico, cun especial empeño na cultura e a educación e, como non, na lingua.


Comentar