Balóns a Corveiro | Os partidos no campo da Igrexa
Fisterra
Os anos 60 | «Cambiábanse na casa do señor Manolo do Canchelo, preto da Capilla»
02 Jan 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Aquilo era un espectáculo digno de presenciar. Todos os equipos da Costa estaban desexando vir xogar a Fisterra. Nun tempo onde as distraccións da vida cotiá eran mínimas, os partidos de fútbol duraban semanas enteiras. A expectación que se xeraba nos días previos ó agardado encontro chegaba ó seu momento álxido cando o esférico comezaba a rodar polo irregular e estreito terreo do Campo da Igrexa. Durante dúas horas a vila abstraíase totalmente dos problemas diarios para centrarse única e exclusivamente no transcurso do partido.
O recinto sempre estaba abarrotado, a xente situábase como podía no pouco espazo que había entre as paredes e o terreo de xogo. A maioría optaba por sentarse nos muros e vivir a conte da dende o alto. A afección facíase notar moito e sempre cunha paixón desmedida. Din que no estadio do barrio da Boca en Bos Aires ou no mesmo Maracaná de Río de Xaneiro o ambiente é insuperable. Habería que pasarse unha daquelas tardes polo Campo da Igrexa e comparar...
Moitas veces os últimos en chegar ó campo eran os propios xogadores. Na vida do mariñeiro non existen horarios fixos nin os lances entenden de fútbol. Naquel tempo traballábase todos os días e os domingos a bordo aínda non eran día do Señor. Por iso era habitual estar agardando ata o último intre polos futbolistas que chegaban directos do mar. Así sucedeu nalgunha tarde na que os seareiros que agardaban ansiosos no campo de fútbol, observaban dende o alto como do barco do Xordo de Pastora saltaba ás pedras de Corveiro o xogador que faltaba. Era Ciprián que dende as pedras subía apresurado polo camiño que levaba á igrexa mentres ía escoitando, cada vez máis preto, os berros de xúbilo da afección: «Aí vén Siprián! Aí vén Siprián!». Xa podía comezar o encontro.
Había ocasións nas que a función de árbitro era exercida por algún voluntarioso veciño de Fisterra. Este colexiado circunstancial era asistido por xuíces de liña tamén improvisados como Chicote, Jaime do Chouriceiro, Escaiola ou Manolo de Cachán que, a falta de bandeirola, marcaban a saída da pelota pola banda axitando un vistoso pano.
Mención aparte merecen os vestiarios. Ademais dos lugares xa mencionados como o Prado ou a horta do Ruíz, existiron outras solucións eventuais que permitían resolver (como se podía) este eterno problema.
Durante algún tempo, os futbolistas mudábanse na casa do señor Manolo do Canchelo, situada preto da Capilla. O señor Manolo foi un dos colaboradores do club e sobre el recaía a tarefa do lavado e posta a punto do material deportivo.
Liga da Costa
Coa chegada da Liga da Costa, estando xa de presidente Agustín Díaz, o equipo empregará como vestiario o afastado almacén da casa das Lavancas situado daquela na céntrica Praza da Fisterra.Resultaba curiosa a estampa dos xogadores totalmente uniformados cruzando polo medio da vila, unhas veces a pé e outras subi-dos no camión familiar do peixe, dirixíndose ao Campo da Igrexa cal escuadrón de valentes soldados camiño dunha épica batalla.
Houbo un tempo no que na parte interior da esquina máis próxima á igrexa, a que daba ao Campo do Zapateiro (topónimo que non garda relación ningunha co Zapateiro de Raimunda), construírase unha caseta de madeira que facía de vestiario. Toda unha innovación para a época.
Cando os futbolistas estaban no seu interior, os rapaces máis novos asomaban as súas cabezas curiosas para poder captar algún xesto daqueles ídolos ós que tanto emulaban.
No descanso dun daqueles partidos, mentres os xogadores collían alento no interior desta caseta, Joaquín do Celta, un dos nenos que asexaba dende a porta, non perdía detalle do que estaba a suceder.
E mentres os once collían folgos para o inicio da segunda metade, escoitou como o adestrador Pepe Velay lles transmitía nunha sinxela frase toda a esencia verdadeira deste deporte centenario: «Bueno, chavales. A táctica está clara... A janar!».
Fragmento de Balóns a Corveiro, Historia e Contrahistoria do Fútbol Fisterrán. Una obra publicada por Gabriel Riveiro, Bebeto y que se puede encontrar en la librería Agarimo y O'Kiosko, en Fisterra.