La Voz de Galicia

Dous muxiáns, no olimpo do 3K

Muxía

Antón Lestón carballo / la voz ATLETAS locais NO CORRENDO POLA COSTA este sábado

Con pasado e presente no fútbol, ambos se adentraron xa maiores no atletismo, pero siguen destacando en cada carreira do circuito comarcal

13 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.

O Correndo pola Costa chega este sábado a Muxía, onde se celebrará a oitava proba, e antepenúltima, do circuito comarcal, antes do parón de agosto. Unha localidade, a muxiá, con destacada representación en cada liña de saída, sobre todo na modalidade 3 K. Aí son Barca Toba (1985) e Dimas Búa (1988) os mellores representantes locais. Barca destacou aló onde quixo: fútbol, ciclismo, duatlón e, por suposto, atletismo. «Xa no fútbol o que máis me gustou foi sempre a parte física, pero comecei a correr no 2013, aínda que me centrei na pista durante varios anos. Pero enganchoume moito porque era unha medida moi boa contra o estrés», conta a muxiá, que xoga tamén no Fisober. Dimas tamén comezou no fútbol, como a maioría: «Recordo que en infantís fixeran unha carreira aquí e gañei, pero tamén acabei moi mareado polo esforzo e non quedaron ganas de volver probar. Xa maior, quixen deixar o Muxía polo tempo que quitaba e tras dous anos de sedentario coñecín a un grupo co que correr martes e xoves pola Coruña. Alí tiven un mestre que me ensinou de verdade a correr, porque eu disto só coñecía as temidas pretemporadas de Papi», comenta. No 2017 participou na súa primeira carreira na 10 K da Coruña, e estreouse tamén no circuíto. «Foi en Vimianzo e a miña cara metía medo ao rematar», recorda.

Basilio Bello

Barca tamén competía na cidade herculina co club Coruña Comarca, pero cando no 2019 comezou no Correndo, ela e Dimas pasaron a formar parte dun club agora denominado como Arroutada Lonxa D'Álvaro Team, e no que tamén están outras atletas locais como Raquel ou Cris. «Iso é o mellor deste circuíto, que anima á xente a correr e o ben que o pasamos todos xuntos», afirma un Dimas que este ano rozou sempre o podio que xa pisou en anteriores tempadas, e ao que intentará volver este sábado. «Hai que ir con calma na saída, porque despois vén a costa da Ferida e non podes chegar moi cansado», recomenda para os participantes do 3 K, aínda que recomenda encarecidamente a de longa distancia: «Cónstame que houbo queixas porque non é un trazado ao que veñas para facer bo tempo, pero é un espectáculo. Ves todo o que hai para ver en Muxía con paisaxes de monte e de costa».

Barca, que gañou xa varias probas, entre elas a de Muxía do ano pasado, e que xa foi segunda na xeral, resalta o positivo de correr na casa: «Ao final coñecemos o percorrido perfectamente», di, ao mesmo tempo que valora como o circuíto non para de crecer: «En asistencia e en nivel, porque melloro tempos do 2019 e do ano pasado e empeoro en posicións. O bo é que fai que te esixas ao máximo». «É unha pasada o que cambiou isto, pero axuda moito ao territorio tanto no aspecto do turismo como no da saúde, porque co bo ambiente que se ve moita xente quere animarse», di Dimas, que apunta á de Zas como unha das súas citas favoritas, mentres que Barca opta pola de Carnota, aínda que matiza: «Todas teñen o seu aquel».

 

Non poderán competir no 10 K

Aproveitando que é na casa, tanto Dimas como Barca queren competir este ano tamén no 10 K, pero todo apunta a que non lles será posible, ou iso lle trasladan dende a organización. «Dixemos de pagar a inscrición, pero dinnos que non podemos participar nas dúas por un tema das cronometraxes, cando dende a empresa encargada diso afirman que non hai problema. Sería fermoso facer ese doble esforzo aquí na casa», comenta Dimas. Xa o intentaron o ano pasado, no que correron sen chip a proba de dez quilómetros, igual que van facer este ano. Barca, de feito, levou o premio a mellor local porque non había máis muxiás.


Comentar