Xesús Búa: «Falar dun libro así é para min en certa maneira falar dun fillo»
Muxía

O fotógrafo muxián vén de presentar na súa terra «Homes e mulleres de sal e ferro», editado por Canela
07 Dec 2024. Actualizado a las 22:48 h.
Se por datos cuantitativos fose, habería que falar das súas 190 páxinas, do cento de percebeiros e percebeiras retratados ou dos vinte anos de traballo agora condensados. Esas cifras corresponden ao libro Homes e mulleres de sal e ferro, do fotógrafo muxián Xesús Búa, saído á rúa coa editorial Canela. Mais se houbera que falar do que non se cuantifica, entón deberíase comezar pola «inmensa emoción» que Búa sentiu o venres cando viu ateigado o Salón do Voluntariado da súa terra: «A poucos metros da ribeira do capitán... Falar dun libro así é para min en certa maneira falar dun fillo», rememoraba este sábado.
Estivo Xesús acompañado polo prologuista, Xan Fernández; polo editor, Pablo Quintana; pola edila de Cultura, Sandra Vilela, e polo alcalde, Javier Sar. «Non só é un libro de fotografía», reflexiona o autor. É un libro con nomes, de reivindicación, personalización e dignificación dun oficio, con alcumes —todos os percebeiros teñen un nas rochas—, de seguimento dunha xornada, dende o fogar ata a espera, o outear do mar, o apañar, o retornar á casa, e todo iso mesturado con dous decenios de percorridos, algunha imaxe do 2004: «Cando o percebeiro salta ás rochas a súa alma queda en terra. Salta sen sentimentos, sen dor, sen sentir o frío, para afrontar ese curto período de tempo que teñen para gañar o día. Tamén a min me pasaba o mesmo cando lles tomaba as fotografías, só me volvía a alma cando me sentaba para ver que fixera». Nesa procura da identidade, e non só do produto ou do perigo, Búa mudou os teleobxectivos polos obxectivos curtos.

Versos de Modesto Fraga, Branca Vilela, Alexandre Nerium, Xosé Iglesias, Rafael Lema, Miro Villar ou Rosalía Fernández acompañan esta obra para a que elixiu «un negro roto» e ata textura de papel, na procura do «transmitir». Hoxe, nas confrarías de Muxía e Camelle, centros deste libro, quedan moitos menos carnés dos que un día houbo. Son imaxes dun mundo que tamén pide relevo. Próximas presentacións do libro: o día 14 en Vimianzo e o 21 en Camariñas.