La Voz de Galicia

«Galicia podería vivir da súa riqueza natural, que está sen explotar»

Ponteceso

S. G. Rial Carballo / La Voz Concelleiro e presidente dos Verdes en Xenebra

Natural de Corme, acaba de renovar escano nas eleccións celebradas na cidade suíza

25 Apr 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Gómez Cruz (Corme, 1960) acaba de ser elixido concelleiro na cidade de Xenebra polo seu grupo, os Verdes. Xa o era dende outubro do 2013, pero nos anteriores comicios non entrada directamente, senón substituíndo a un compañeiro. Agora accedeu á primeira, e ademais como máis votado do seu grupo, coa excepción da compañeira designada para optar ao Consello de Goberno. O seu traballo fíxose moito máis visible na rúa, por ser o presidente dos Verdes, e ter unha presenza moi activa nos medios de comunicación. Alfonso é economista e traballa como director adxunto no Conservatorio Popular de Música, Danza e Teatro. Traballou boa parte da súa vida como cooperante internacional e é membro de numerosas organizacións solidarias. Entre elas, a Liga Suíza de Dereitos Humanos.

-¿Como valora as eleccións?

-O resultado para o partido foi negativo, porque tiñamos 11 concelleiros e quedamos en 8. Se cadra, por non saber plantexar mellor unha liña máis directa de protección do medio ambiente, de mobilidade, favorecendo os transportes públicos e solucionando os problemas de circulación. Non o comunicamos ben. Tamén viñamos dunha posición máis de centro esquerda e eu son máis favorable á xirar directamente á esquerda. A parte boa é que a coalición de esquerdas temos moitas posibilidades de volver a coller o goberno da cidade. Saberémolo nos comicios que hai dentro de tres semanas. Temos 37 de 80, pero hai que votar.

-En Suíza fálase hai moito tempo do avance do populismo, boa parte en contra de certa emigración. ¿Como lles foi?

-Mal. Contaban sacar máis. A UDC, por exemplo, baixou dous. Os que subiron foron os de centro dereita e os socialistas.

-¿E vostede quedou satisfeito do seu resultado?

-Si, porque da outra vez quedara no posto 18, e agora son o primeiro tras a ministra. Creo que é hora de que sexa outra persoa a que asuma a presidencia do partido para que eu me poida centrar máis na vida municipal.

-¿Xenebra é un modelo de cidade ecolóxica?

-Non. Temos moito que facer. Mesmo en Suíza hai cidades moito máis evolucionadas en transporte e calidade do aire, como Basilea ou Berna. A circulación é cada ves máis caótica. Hai moito que facer. No que si é un modelo Xenebra é no eido cultural.

-¿Vostede en que se move?

-En bicicleta. Non teño coche. Unha normal para desprazamentos curtos, ou eléctrica, para os longos. E tamén transporte público. Se hai que usar un coche para algún caso, collo un dunha cooperativa.

-¿Seguirá as eleccións municipais en Galicia?

-Claro que si. Sempre. Estou moi ao tanto do que pasa, todas as mañás leo a edición dixital da Voz. E viaxo bastante a Galicia, espero estar o mes que vén.

-¿Que se podería facer aquí?

-Son dos que pensa que Galicia podería vivir da súa riqueza natural, que está sen explotar. Ten un enorme potencial enerxético: solar, mareomotriz, eólica... Tamén empezo a ver certos problemas de circulación en cidades como A Coruña.


Comentar