La Voz de Galicia

A Xunta promove a declaración do 2017 como o Ano do Rexurdimento

Ponteceso

A. Lavandeira carballo / La Voz

O conselleiro Román Rodríguez reuniuse coas fundacións Eduardo Pondal, Curros e Rosalía de Castro

24 Jan 2017. Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno galego promoverá un recoñecemento especial para Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez que se plasmará, sobre todo, nun Itinerario do Rexurdimento. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo onte unha reunión cos representantes das tres fundacións que xestionan o legado literario e histórico dos tres autores. A iniciativa, que xorde con ocasión do centenario da morte do autor de himno de Galicia, completarase con outras propostas no ámbito parlamentario e da Xunta, co impulso dun decreto para a declaración deste ano 2017 como Ano de Pondal e Ano do Rexurdimento.

Román Rodríguez recibiu aos representantes das fundacións Pondal, Xosé María Varela; Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e Curros Enríquez, Antonio Piñeiro; así como os alcaldes de Ponteceso, Xosé Lois García, e de Celanova, Jose Luis Ferro, ademais dos secretarios xerais de Cultura, Anxo Lourenzo, e Política Lingüística, Valentín García. No encontro abordaron as iniciativas que porán en marcha. Así, a Xunta «busca impulsar un itinerario literario do Rexurdimento galego» que conecte as figuras, a súa obra e os aspectos biográficos dos tres poetas. Román Rodríguez e os representantes das entidades, así como dos concellos participantes, consideran que estes escritores son «os principais autores deste movemento -o Rexurdimento- cultural, político e literario da segunda metade do século XIX en Galicia e que se inaugurou coa publicación, en 1863, de Cantares Gallegos».

O encontro de onte é froito dun traballo que xa vén de tempo atrás. A celebración do pasamento de Pondal, que ocorreu o 8 de marzo de 1917, tomouse como un momento idóneo dunha idea na que tanto as entidades como a propia Xunta de Galicia veñen traballando. O xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela, valorou a xuntanza como «un paso adiante moi importante. É algo que permite poñer bases para traballar no futuro. Non é algo efémero», dixo.

Outro dos aspectos que máis valoran dende a agrupación cultural de Ponteceso, que preside o alcalde, García Carballido, é que a imaxe e a obra de Pondal se proxecten máis alá de Ponteceso e da comarca de Bergantiños. Destacan ademais que o bardo pontecesán tiña unha gran relación amizade con Rosalía de Castro, a través de Manuel Murguía, e admiraba ao «insigne Curros».


Comentar