Os Bos e Xenerosos seguen medrando
Ponteceso
Ramón Villares, Marcos Pereiro e Xosé Touriñán, Uxía Senlle, Concha Blanco e a Fundación Barrié serán os galardoados este ano pola Fundación Eduardo Pondal
09 Apr 2017. Actualizado a las 05:00 h.
O cadro de Bos e Xenerosos medra. O padroado da Fundación Eduardo Pondal vén de facer públicos os nomes dos premiados con ese galardón neste 2017: son Ramón Villares, Marcos Pereiro e Xosé Touriñán, Concha Blanco, Uxía Senlle e a Fundación Barrié. Os Premios Bos e Xenerosos veñen recoñecendo dende o 2009 o compromiso coa cultura galega, así como o seu espallamento. É un tributo, tamén, á propia traxectoria dos premiados, pois son innegables as súas aportacións en diferentes eidos e máis a colaboración coas actividades na terra do bardo.
A relación do O Couto, Ponteceso, con Uxía Senlle vén xa de moi atrás. A primeira vez que se achegou á localidade para actuar, Senlle acaba de saír de Na Lúa, grupo de folk galego no que ela era vocalista. Logo, a presenza nas Festiletras foi sempre regular, tanto para público infantil como para adultos. É unha das voces clave da música galega e por todo isto merecedora do Bo e Xeneroso. Os galardóns da Fundación Pondal, ademais de para artistas, sempre teñen un oco para os académicos. Neste caso, Ramón Villares. O seu ingreso na RAG data do 2005 e é tamén presidente do Consello da Cultura Galega, o cal tivo un importante papel na elaboración do roteiro do Rexurdimento, no que Pondal é referente. De aí, tamén, a implicación no centenario da súa morte, que se conmemora este ano.
Coma a de Uxía Senlle, tamén é longa a relación de Marcos Pereiro e Xosé Touriñán con Bergantiños. Xa cando eran as Cantareiras de Berdillo tiveran actuado no colexio de Cabana e máis na Casa dos Veciños. Logo, sendo Mucha e Nucha, Cantareiras de Ardebullo, protagonizaron algúns dos cheos absolutos das Festiletras. Para a serie Buscando Ardebullo elixiron O Couto como primeiro destino de gravación, e último de emisión. É a esencia desa aldea buscada. Marcos e Xosé son, pois, vellos amigos. Agora, tamén Bos e Xenerosos.
Relacións duradeiras
De moitos anos atrás vén, por suposto, a relación e a colaboración de Concha Blanco coas xentes de Ponteceso, coas xentes de Monte Branco, a Fundación... Súa filla, María Canosa, recorda que xa de nena agardaba pola «festa das letras», proba do vencello que aínda permanece. Autora sumamente prolífica, forma parte dese universo bergantiñán e da Costa da Morte que o padroado recoñece.
Hai xentes e institucións que confiaron dende o inicio nas propostas que partían deste recuncho atlántico. Así o fixo a Fundación Barrié, que preside José María Arias Mosquera, co primeiro Simposio Pondaliano, aló polo 95, cando un dos conferenciantes foi Amado Rincón. A colaboración mantívose e tamén o apoio noutros proxectos, como foi o de Titania. Argumentos todos eles, pois, para estes Premios que se achegan.
A gala de entrega dos premios será o domingo 14 de maio, a mediodía
Vai unha semana fóra do mes de abril e na pequena aldea do Couto xa recende a Festiletras, a celebración da que Xosé Neira Vilas tivera dito que era a celebración das Letras Galegas máis grande de Galicia. Ao redor do 17 de maio deséñase unha programación intensa que sempre reúne rapazada, música, artesanía, literatura, creatividade... Nese contexto será no cal teña lugar a entrega dos Premios Bos e Xenerosos, tamén este ano. A gala xa ten, de feito, data e hora: domingo 14 de maio, ás 12.00 horas. Uxía Senlle, Concha Blanco, Ramón Villares, Marcos Pereiro e Xosé Touriñán e a Fundación Barrié tomarán o relevo de Carlos Núñez, Fina Casalderrey, Isabel Blanco e José Luís Rabuñal, galardoados no pasado ano 2016.