La Voz de Galicia

Os Bos e Xenerosos recoñeceron o compromiso e o activismo cultural

Ponteceso

Patricia Blanco carballo / la voz

Así foi a entrega dos Premios Bos e Xenerosos: ¡mira as imaxes!

Marilar Aleixandre, Xaquín Marín, Quico Cadaval e Sés foron os galardoados onte

17 May 2018. Actualizado a las 22:26 h.

A xa longa lista de Bos e Xenerosos medrou onte na Fundación Eduardo Pondal, no Couto, en Ponteceso. Sumáronse a ela a escritora e académica Marilar Aleixandre; o humorista gráfico Xaquín Marín; o contador de historias Quico Cadaval e a cantareira María Xosé Silvar, Sés. Uns e outros deron vida a intres especiais nun acto que tamén o era, porque estes galardóns que onte premiaron o compromiso e o activismo cultural e social cumprían dez anos. O poema Ai, amor na voz da pequena Sabela Nogueira deparoulle un moi longo aplauso, e logo irían chegando xa os premiados, trala intervención de Clara Amado cantando Ponteceso. Contou Marilar Aleixandre como aló polo mes de novembro se perdeu de noite, querendo saír do Couto para ir cara Santiago. Topouse cos «feros corvos de Xallas», cos que tanta relación ten tido polo Batallón Literario, e rindo dixo que foi por eles como soubo a nova de que tería que volver en maio.

Non puido estar Xaquín Marín, máis recolleu o seu galardón o mestre e divulgador Xan Fernández Carrera. Logo de gabar a habilidade para o trazo do galardoado, trasladou da súa parte o fondo agradecemento. Chegou minutos despois Quico Cadaval co seu humor nato. Citou «a un dos grandes poetas da literatura galega, Mao Tse-tung» para falar da humildade e fixo logo unha análise de himnos varios -do francés ao brasileiro, mesmamente- que deixou moi ben parado ao galego, ao texto de Pondal. Nin obriga nin convida a dar a vida pola patria: «O noso é o único himno do mundo que comeza cunha pregunta. Non che compromete a nada nin che entrega armas». Pasan oito versos, «e un aínda pode estar tranquilo». Tamén ao final: «Porque pon o espertador, esperta do teu sono, Fogar de Breogán». «Somos un pobo interrogativo e o poeta Pondal soubo estar a altura», dixo Cadaval antes de nomear a todos os presentes Bos e Xenerosos.

María Xosé Silvar, Sés, deparou unha sorpresa ao recoñecer na literata Teresa Reigía, «Teresa dos Cucos», a unha daquelas mulleres que lle tiveron ensinado a cantar cando era unha moza. Reafirmouse como cantareira botándolle unha peza desas que garda a memoria e que Teresa tamén se animou a entoar dende a primeira ringleira de público. Sés agradeceu un premio que non chega «de catro señores de gravata que non traballan por nin para ninguén», senón dun pobo ao que pertence. Berghantiñana.

ANA GARCIA

Un recoñecemento, tamén, á humildade e ao traballo das xentes do Couto

Os premios que onte recibiron no Couto Marilar Aleixandre, Xaquín Marín, Quico Cadaval e Sés fixéronllos chegar todos eles á propia Fundación Pondal, ás xentes do Couto. «Parabéns por este traballo continuado. Anímovos a seguir porque é necesario que todos esteamos unidos pola difícil situación do galego. O galego ten moita vida por diante, moitos anos», asegurou Marilar. Por voz de Xaquín Marín, Xan Fernández Carrera falou da «resistencia de tantos anos» e, Quico Cadaval, do proxecto emprendido no Couto para converter «3.000 aldeas de Galicia nun Couto máis». «De momento van dúas...», riu. Para todo o que neste recuncho de Ponteceso se fai e para o seu «proxecto cultural» tivo el palabras de recoñecemento.

Sés, que non ten por hábito presentarse a premios, abundou na palabra humildade: «O meu premio é ir ao teatro e ver que a xente canta as miñas cancións». Trouxo á memoria a todas esas persoas anónimas, como Teresa dos Cucos, que lle prestaron o seu saber á xente coma ela, que quixo aprender: «Con 18 anos eu imitábate como para ir a Lluvia de estrellas», díxolle. Consciente da «inmensa sorte» que supón ter raiceiras na nosa cultura tradicional, deulles as grazas aos gaiteiros de Inllar, que tocaron antes do inicio do acto, pola súa intervención: «A nosa cultura tradicional deume algo moi importante. Eu non saía a bailar ao escenario para que puxesen alí o meu nome. Saía a cantar e a disfrutar cantando. Cantar só por cantar. Iso foi o que me fixo ter tanto gusto polo que fago. Por iso lle dou as grazas á miñas profesoras de canto, porque non só me ensinaron a cantar, senón a cantar humildemente». As súas palabras foron aplaudidas dende o público, que rematou de pé, interpretando o Himno Galego -o «himno interrogativo», que diría Cadaval- co acompañamento de Laura Rey á gaita.

 


Comentar