La Voz de Galicia

As Festiletras, unha marca consolidada que transcende o cultural

Ponteceso

Patricia blanco carballo / la voz

As Festiletras 2021, ¡en imaxes! Unha aldea que fai país

Artesanía, música e un novo Bo e Xeneroso, para Quique Peón, pecharon esta 39.ª edición da celebración do Couto, en Ponteceso

06 Sep 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A uns cantos quilómetros das Festiletras do Couto, onde a mañá de onte se dedicou á 39.ª Feira de Artesanía, un sacerdote definía os milagres como «unha transformación». Hai xa moitos anos que esta celebración das Letras do Couto, extemporánea este ano, como o anterior, por mor da pandemia, se veñen contando así, como un milagre. E si, transformaron. As Festiletras xa son unha marca. Transformaron a concepción de aldea, para pasar a verse como punto xerador de vida e talentos, de encontros, alí onde os máis grandes da literatura, da ciencia ou da música pousan os seus pés ao lado dos veciños. Transformou, tamén, a concepción de cultura: non fan falta grandes auditorios, chega con eiras, cabanotes, pombais e cruces de camiños. Só fai falta vontade colectiva. Remataron cinco días intensos en actividades, tardes de risoterapia como as que deixaron Touriñán e Blanco, ou de emoción, como a musical de Guadi Galego.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

As Festiletras non son só un fenómeno cultural, que xa é moito, senón que teñen tamén unha grande implicación económica para o entorno, como onte incidía o xerente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela. Aloxamentos e hostalaría rexistraron estes días unha elevada actividade, vital para un sector tan no que a pandemia impactou forte.

Os Viqueiras de Ordes, Faíscas da Pontragha, Os Farrapos e Xa Era Hora continuaron este domingo cos pasacabanotes. Cando un se achega ao Couto entre fincas de millo sente ter diante unha aldea bergantiñá, sen estridencias, mais andar por ela esta semana foi andar por outro mundo. «Para nós, é chegar a un paraíso», afirmou Xosé Lois Romero no inicio do seu concerto, con Aliboria e Amigos. «Unha festa modelo que rompe prexuízos», engadiu.

BASILIO BELLO

O covid trouxo aquí algo positivo: unha diversificación e, sobre todo, unha revitalización de espazos. Nada tería sido posible, fixo fincapé Varela, sen a colaboración de veciños e ducias e ducias de voluntarios. Xente nova.

Quique Peón, unha mensaxe reivindicativa do folclore

Quique Peón, director artístico de Xacarandaina, recolleu onte o terceiro Bo e Xeneroso das Festiletras 2021. Agradeceu a quen pensou nel e quixo compartir o galardón cos que, coma el, aman o folclore, así como cos milleiros de voluntarios que lle dan vida a través das asociacións, empezando por Xacarandaina. «Porque si, o noso faise en todo o mundo, e eles gardan a cerna da nosa cultura», afirmou.

BASILIO BELLO

Peón, que comezou definindo o folclore e dixo que o galego está considerado como un dos máis arcaicos e ricos de toda Europa, falou dun finisterre cultural dende o que «botar peito». A posta en valor da que el mesmo é emblema non chegou do día á noite, senón da investigación, das recolleitas e dunhas postas en escena que poden competir con calquera outra proposta. Malia todo, afirmou, aínda queda por facer. «Chocante» parécelle, cando menos, que non haxa un Instituto do Folclore, que o baile tradicional non sexa obrigatorio nas escolas que ensinan baile, que non o teña presente como debera o Centro Coreográfico Galego, que o baile tradicional non sexa BIC ou que a muiñeira, «o noso baile nacional», non sexa Patrimonio da Humanidade.


Comentar