Case unha ducia de candidatos para o certame de coplas de Monte Branco
Ponteceso
A resolución do xurado e a entrega de premios serán este vindeiro domingo. Un día antes volveán, doutor lado, as Aulas Parga Pondal, ¡e con novidades!
28 Feb 2022. Actualizado a las 20:12 h.
Un total de once persoas concorren este 2022 ao concurso de coplas de entroido convocado por la asociación cultural Monte Branco de Ponteceso, unha edición na que se rende tributo á pandereteira Matilde de Limiñoa, falecida no 2016. O resultado do certame, que ten como fin a posta en valor de crenzas e costumes deste tempo, ademais de fomentar a creatividade literaria, coñecerase este vindeiro domingo, ás 12.30 horas, que será cando se entreguen os premios na Casa dos Veciños do Couto. Integran o xurado Mar Suárez, Pepe Alborés e Diana Varela Puñal. Esa mañá de 6 de marzo, ademais, lerase unha semblanza e un grupo de cantareiras interpretarán, en memoria da homenaxeada, Maneo e Muñeira de Seavia. Para os asistentes haberá petiscos e música.
Aulas Científicas
Comunica a Fundación Pondal, doutro lado, que as estancias da súa sede, no Couto, volverán encherse de pequenos e mozos na procura de coñecementos. Este vindeiro sábado, día 5, retomaranse as Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Sumaranse, de feito, dúas novas propostas, un obradoiro audiovisual e outro de radio. Ambas actividades levaranse a cabo dun xeito ameno e divertido, aprendendo contidos de interese con moitas aplicacións, cuestións das que sacar proveito no día a día. As inscricións faranse o mesmo sábado, ás 09.45 horas.